Localizada no Arquivo Provincial de Lugo a carta máis antiga de Emilia Pardo Bazán

Imaxe de arquivo da escritora Emilia Pardo Bazán. (Foto: Nós Diario)
O documento, inédito até o de agora, pertence ao fondo epistolar do conde de Pallares.

O investigador Luís Miguel Fernández, profesor de Literatura, xa xubilado, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achou no Arquivo Histórico Provincial de Lugo a carta máis antiga da escritora Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 - Madrid, 1921). A misiva, datada o 12 de abril de 1861, foi enviada pola entón nena de nove anos ao seu pai, José Pardo Bazán, que se atopaba en Lugo como hóspede do conde de Pallares, Manuel Vázquez de Parga.

O documento, inédito até o de agora, pertence ao fondo epistolar do conde de Pallares e foi localizado hai uns meses "por casualidade" mentres revisaba a documentación do arquivo para outras investigacións. Deste achado deu conta Luís Miguel Fernández hai uns meses na revista Lvcensia.

Agora, prepara unha nova publicación, tamén nunha revista especializada en Emilia Pardo Bazán, La Tribuna, onde o que fará será contextualizar o achado e a importancia que esta ten para os estudosos da autora como para o patrimonio da cidade de Lugo.

A carta é, por tanto, a primeira que se coñece até a data de Emilia Pardo Bazán, onde confirma que coñecía Lugo desde a súa infancia, algo que ela mesma lembraría décadas despois nunha conferencia no Círculo das Artes en 1906. Na carta, a moza Emilia escribe con tenrura ao seu pai, aludindo con naturalidade aos mosaicos, á catedral, á muralla e ao río Miño, reflexo da súa temperá curiosidade e cultura.

Fernández destaca a nitidez e sinxeleza do texto, así como o seu valor documental: máis aló da súa aparente modestia, revela o inicio da vocación epistolar dunha futura grande autora e o afecto entre a familia Pardo Bazán e os Vázquez de Parga. Os nomes mencionados -Manolito, Germán e Paz- corresponden á esposa e fillos do conde, proba da estreita relación entre ambas as familias.

A particularidade desta misiva é a súa letra de nena, sen artificios, algo que non é habitual, xa que Pardo Bazán reescribiu as súas cartas e obras infantís con trazos máis maduros. O achado tamén permite coñecer mellor os vínculos familiares e intelectuais entre os Pardo Bazán e os Pallares. José Pardo Bazán e Manuel Vázquez de Parga, ambos os dous deputados e grandes propietarios agrícolas, compartían ideas sobre a modernización agraria da Galiza e colaboraron na redacción da Memoria sobre a necesidade de establecer escolas de agricultura en Galicia (1862), o que explicaría a presenza do pai de Emilia en Lugo en 1861.

As cartas conservadas no arquivo lucense reflicten unha amizade duradeira entre ambas as familias, que intercambiaban agasallos e confidencias. Nunha misiva de 1867, José Pardo Bazán comunica a proposta de matrimonio dos señores de Quiroga para a súa filla Emilia, entón de 16 anos, aínda que a ligazón se considerou prematura. Anos despois, o conde de Pallares aconsellaría á nova escritora sobre as súas primeiras publicacións e chegaría a colaborar con ela na Revista de Galicia en 1880.

O descubrimento reforza a profunda relación de Pardo Bazán con Lugo, onde publicou algúns dos seus primeiros poemas e relatos no Diario de Lugo, e foi nomeada socia honoraria da liga de Amigos en 1890. O seu vínculo coa cidade consolidouse coa súa visita en 1906, cando participou como mantedora do Certame de Composición Musical de San Froilán.

Durante esa estancia, a autora de 'Os pazos de Ulloa' ofreceu unha brillante conferencia no Círculo das Artes, onde destacou a achega galega á música a través dos compositores Juan Montes e Pascual Veiga, e expresou o seu agarimo pola cidade amurallada. A institución nomearíaa presidenta honoraria ao ano seguinte, un lazo que se mantivo até a súa morte en 1921.

Con esta carta, rescatada do esquecemento, engádese unha nova peza ao legado da escritora galega, testemuño temperán da súa sensibilidade, o seu afecto familiar e a súa relación con Lugo, unha cidade que marcou a súa vida e a súa memoria literaria.

Para Luís Miguel Fernández, esta investigación levouno a profundar nunha autora fóra do seu ámbito habitual, a literatura contemporánea e a televisión. Aínda así, publicou dous traballos vinculados coa autora, nos que deixaba patente o interese de Pardo Bazán polos novos descubrimentos.

Eses traballos eran 'Pardo Bazán e o cinematógrafo dos primeiros tempos', en Estudos sobre Emilia Pardo Bazán, publicado pola USC en 1997, e 'Tecnoloxía, espectáculo, literatura. Dispositivos ópticos nas letras españolas dos séculos XVIII e XIX', da Universidade de Santiago de Compostela tamén, de 2006.