Rearme da historiografía españolista

Unha historia que non é lenda

Representación da matanza de San Bernardo en Flandres polas tropas españolas do duque de de Alba.

En tempos de incerteza, fechar filas. Iso é o que explica a recente aparición dun importante número de publicacións que tentan reivindicar o pasado español, botando peito de xeito moi particular sobre as glorias imperiais. Neste fenómeno ocupa un lugar destacado o betseller de Elvira Roca Barea, Imperiofobia y leyenda negra. Roma, Rusia, Estados Unidos y el Imperio español,

Esta explosión de historiografía españolista non se entende se non se pon en relación coa actual crise do réxime, coa idea de España -e nomeadamente da súa unidade- sometida a cuestión. Estamos, logo, diante dun programa de renacionalización desde o aparato do Estado para  construír un futuro/destino común, dunha reelaboración do relato de sempre para fornecer unha dose de autoestima nos tempos presentes, dunha nova achega historiográfica coa que combater a disidencia interna, en definitiva, dun cargamento de munición a granel para afirmar unha españolidade sen complexos.

 

Nada novo, España sempre se pensou desde a derrota. A comezar coa crise do seu Imperio tradicional na segunda década do século XIX, a seguir cos fracasos das aventuras expansionistas en África e América e a continuar coa perda das colonias de ultramar en 1898. Se os sucesos que seguiron á batalla de Ayacucho serviron para xustificar e consolidar o estado liberal nacente e as guerras africanas foron o cume dunha proposta imperialista, a perda de Cuba e Filipinas abriron a porta a unha nova orientación da axenda españolista. A proposta da Xeración do 98, cuxa influencia vai ser decisiva até hoxe no pensamento español de esquerda a dereita, significa unha nova proposta doutrinal centrada no combate á disidencia interna, isto é, nos nacionalismos que xurdían en maior ou medida en Galiza, Euskadi e Catalunya, apoiada nun movemento autenticamente popular de masas, articulado  sobre unha aparataxe estatal máis compacta e un réxime de opinión publica descoñecido até o momento.

 

A proposta da Xeración do 98, cuxa influencia vai ser decisiva até hoxe no pensamento español de esquerda a dereita, significa unha nova proposta doutrinal centrada no combate á disidencia interna

 

Outra vez Julián Juderías. Historiadores de folletón para popularizar un relato académico cargado de intención política. Tamén de dereitas e de esquerdas, para negar a participación española nun dos grandes xenocidios humanos, para relativizar a súa función como campión do fanatismo relixioso, para reescribir o seu papel na persecución do diferente, para xustificar o seu fracaso como proxecto  histórico. Abonda o recurso á conspiración interna cos aliados externos, a Antiespaña de Ramiro de Maetzu, que dá corpo a toda a proposta doutrinal do grupo de Acción Española até enchoupar o réxime de Franco, para afirmar as bondades do proceso colonizador americano, as achegas hispanas ao desenvolvemento do continente, a humanidade dos exércitos dos Filipes e do Duque de Alba nos Países Baixos, a liberdade relixiosa favorecida pola Inquisición ou o trato oferecido aos xudeos en contraposición a outro pobos europeos.

 

A historia española é negra. Segundo o investigador norteamericano H.F Dobyns, 95% da poboación total americana morreu nos 130 anos que seguiron á chegada de Colon, fixando só para México, os investigadores de Berkeley, Cokk e Borah, unha diminución de 24,5 millóns entre 1518 e 1623, máis do dobro da poboación da península, situada por volta de 1492 nos 10 millóns de habitantes. Porén, a historiografía hexemónica, un saber de brocha gorda, ao servizo de agochar unha realidade testán, preocúpalle menos a matanza dos americanos que a mala fe dos inimigos  de España, empeñada nunha construción doutrinal que vincula o proxecto español do futuro ao seu pasado imperial. Asistimos a unha actualización da axenda ideolóxica do españolismo, coherente coa súa formulación por parte das xentes do 98, para facer fronte á crise do réxime da II Restauración, esporeada polo actuación dos nacionalismos, fundamentalmente o catalán, cuxas receitas volven a pasar pola españolización, europeización, rexeneración e as reformas, o recorrente cuadrilátero da intelixencia mesetaria.