O Goberno estatal deberá indemnizar a familia do ferrolán Amador Rei

Un acto institucional diante da estatua de Amador Rei, en Ferrol. (Fuente: Europa Press)
O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, adiantou no pleno do Congreso a aprobación das primeiras indemnizacións a vítimas da represión franquista, entre as que destaca a de Amador Rei asasinado o 10 de marzo de 1972.

O Goberno estatal deu un importante paso na reparación da memoria das vítimas da ditadura. O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, adiantou no pleno do Congreso a aprobación das primeiras indemnizacións a vítimas da represión franquista. Entre elas figura a do ferrolán Amador Rei, o traballador do naval que o 10 de marzo de 1972 foi asasinado pola Policía Armada durante unha folga en Ferrol.

Esta decisión reforza a declaración institucional que o Consello de Ministros aprobou o pasado 10 de marzo. Naquel documento, o Executivo condenou oficialmente a "actuación desproporcionada" da Policía Armada nos sucesos de 1972, que se saldaron con dous asasinatos, máis de cen feridos e un cento de despedidos nos estaleiros de Bazán.

A declaración, impulsada por Torres e pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, recorda que o conflito orixinouse pola defensa do convenio colectivo. Aquel 10 de marzo, máis de 4.000 traballadores dirixíanse cara a Caranza en busca da solidariedade dos operarios da construción e dos compañeiros de Astano, en Fene, cando foron interceptados polos disparos da Policía. O acontecido derivou no proceso contra "os 23 de Ferrol" ante o Tribunal de Orde Pública.

Lei para indemnizar vítimas da represión

A maioría dos partidos socios do Goberno de coalición avanzaron o seu apoio á convalidación da reforma da Lei de Memoria Democrática para indemnizar persoas asasinadas ou que sufriron lesións graves como consecuencia da represión franquista entre o 1 de xaneiro de 1968 e o 29 de decembro de 1978