A Galiza de Mailoc, máis que un disco
A Galicia de Maeloc é o primeiro disco de Milladoiro. Combinábanse por vez primeira nun álbum, falamos de 1980, gaita galega e irlandesa, zanfona, arpa, frauta... Mais lonxe de ser o nome dun disco ou dunha sidra, Mailoc, ou Maeloc, foi o bispo do pobo bretón que se asentou no século V na Galiza. Cóntannos máis os historiadores Anselmo López Carreira e André Pena Graña.
As bretoas e os bretóns arribaron a Galiza no século V, após abandonaren Britania, o que hoxe coñecemos como Gran Bretaña, a consecuencia da súa invasión por parte de pobos xermánicos, “o Imperio Romano retira as tropas para levalas a outras zonas da fronteira, de maneira que Britania queda desgornecida de efectivos e a defensa desa provincia queda en mans dos propios bretóns.
É entón o momento da inxente cantidade de anglosaxóns que cruzan o Canal da Mancha e gran parte da poboación bretoa decide abandonar a terra, marcha”, explica Anselmo López Carreira, voz autorizada na historia da Galiza da Idade Media. É este o contexto en que se sitúa o mitificado rei Arturo, “un bretón resistente fronte ás vagas de pobos xermánicos”.
O historiador André Pena Graña remóntase á Idade de Bronce, “a primeira inscrición celta que se conserva no mundo apareceu no que hoxe é o Algarve, e pertencía a un galego”. Lembra que o libro Os Celtas da Europa Atlántica. Actas do 1º Congreso Galego sobre a Cultura Celta alude á aparición, a principios do século XX no fondo da ría de Huelva, de máis de 200 armas que procedían do norte da península, “había moito tráfico comercial e a navegación era directa”. A relación foi alén, “mesmo a Igrexa acabou conectada, carteándose”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 247, á venda nos quiosques e puntos de venda habituais]