Esta era a localidade da Galiza con máis militantes nacionalistas en 1936
O 6 de decembro de 1931 fundouse o Partido Galeguista. Aquel día en Pontevedra agromou unha nova maneira de conceber Galiza, definíronse as necesidades da nación e proclámase o dereito de autodeterminación no marco republicano.
“Autonomía integral”, supresión das deputacións, autonomía municipal efectiva e recoñecemento parroquial e comarcal foron algúns dos puntos da nova organización. O proxecto completábao un programa social e institucional amplo e avanzado: reforma agraria e cooperativismo; a defensa dos sectores do mar e do agro; unha fiscalidade xusta; galeguización do ensino; igualdade política da muller; creación de institucións propias...
Desde o seu nacemento, o Partido Galeguista foise espallando por todo o país, por parroquias, vilas e cidades, mais en ningún lugar logrou unha implantación tan numerosa como Rianxo, na comarca do Barbanza, a beira norte da Ría de Arousa. Un concello de apenas 10.000 habitantes coa súa capitalidade nunha vila eminentemente mariñeira.
As eleccións de 1931 que supuxeron a fin da monarquía deixaron unha Corporación local cunha notábel pegada galeguista. Após o renomeamento dos grupos en 1932, esta ficou constituída por 9 concelleiros do grupo “Radical Socialista”, 6 edís do grupo “Esquerda Galeguista”, 2 do grupo “Republicano Radical” e 1 de ORGA.
En outubro de 1933 constituíuse a Agrupación Galeguista de Rianxo, impulsada por 36 militantes segundo recollen os historiadores Xesús Santos e Xosé Comoxo en Saúde e República. Política e Sociedade, Rianxo 1930-1936. Unha ferramenta para propagar ‘a idea’ fronte “aos explotadores de Galicia [...] Os idiotas fillos de papá que endexamais pensaron en Galicia”, como escribiu o militante rianxeiro Benito Rial.
En Rianxo, berce de Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, mais tamén de ‘Roxerius’, os ‘Irmáns Ínsua’ (Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao) e outros nomes do galeguismo, o Partido Galeguista chegou a ter 264 militantes, segundo Xesús Santos e Xosé Comoxo. En abril de 1934 formábase na vila mariñeira as Mocidades Galeguistas.
Ningunha outra localidade galega chegou a ese número, 264, o máis alto entre os concellos da Galiza. Cidades coma Pontevedra tiñan 117; Vigo, 242; Ourense, 167; A Coruña, 135 e Santiago, 165, segundo as contas de Santos.
A militancia do Partido Galeguista rianxeiro nutríase de diferentes estratos populares, segundo a listaxe de afiliación do partido publicada polos dous historiadores: de mariñeiros a labregos, de albaneis e carpinteiros a canteiros, zapateiros, mecánicos ou electricistas, así como motoristas, costureiras, músicos ou mestres.
Só nunha parroquia rianxeira, Asados, o Partido tiña 151 millitantes, entre eles 27 mulleres, caso que non se dá en ningunha outra delegación da circunscrición. Foi esta agrupación galeguista a que puxo en andamento en 1933 Airiños, o grupo de teatro amador máis veterano da Galiza, aínda en activo.
Un dos motores do galeguismo na parroquia foi Ricardo Rodríguez, recollen estes dous historiadores, un activista comprometido coa causa da Galiza mesmo baixo a ditadura franquista. Aproveitou o seu traballo a bordo de transatlánticos que facían a ruta entre a Galiza e América para facer de enlace entre o galeguismo do interior e do exterior.
Na III Asemblea Galeguista de Ourense, 1934, tres rianxeiros son electos para o Consello Nacional: Castelao, secretario político da Executiva; Roxelio Pérez ‘Roxerius’, conselleiro comarcal por Pontevedra, e Manuel Rodríguez Castelao, morto en abril de 1937 canda o seu medio irmán José Losada Castelao e outras sete persoas a bordo do Bou Eva cando tentaban fuxir da represión franquista.