Queta Molas, Premio Galiza Mártir: “O meu pai e Alexandre Bóveda loitaban por un mundo mellor”
—Este ano recibe a distinción Galiza Mártir. Que significa recibir este recoñecemento da Fundación Alexandre Bóveda?
Para min, en nome da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, que presido, é unha honra recibir este premio que se outorga cada ano a persoas ou a institucións que teñen moito que ver coa memoria e coa exaltación de figuras que tiveron tanta transcendencia como foron Alexandre Bóveda ou Castelao.
—A súa vida persoal está marcada pola memoria familiar...
Si, meu pai foi unha persoa que durante a súa mocidade militou no Partido Socialista e que en 1936, como tantos outros camaradas, foi detido polos golpistas. Primeiro estivo no polígono Janer para declarar e, a continuación, enviárono á Escola Normal de Pontevedra, naqueles tempos convertida en prisión. Despois xa se habilitou o lazareto da illa de San Simón, e logo de aí pasaron a Figueirido, en Vilaboa. Foi condenado a unha pena de 30 anos, aínda que, finalmente saíu en 1944. El non puido volver exercer a súa profesión, que tiña de funcionario no Concello. Así que para saír adiante montou primeiro unha zapataría e logo un pequeno bar, daquela aínda era novo. De aí vén ese interese, unha vez que faltou meu pai, de manter esa memoria.
—Medrou coa conciencia de que o seu pai era un represaliado?
Nacín en 1945 e lembro que, a partir da década de 1950, no bar había moitos faladoiros. Á parte do mundo que vivía eu de ir á escola das monxas, había outro mundo diferente. Tiven ocasión de escoitar moitas conversas. Non eran dirixidas para min, porque era pequena, mais estaban na miña contorna. Sabía que, á parte do mundo no que me desenvolvía, había outros que non estaban de acordo e que non vivían nesa realidade, porque pertencían a ese bando que non podía falar en alto e que non participaban nos actos que se celebraban en Marín para enxalzar a ditadura franquista.
—Hai paralelismos entre a historia de seu pai e a de Bóveda?
En certo modo si que hai paralelismos entre as súas historias, os dous crían e loitaban por un mundo mellor. Aínda que meu pais era socialista, na miña casa sempre escoitei falar de Bóveda e de Castelao como persoas ás que se lles tiña un gran respecto e consideración. Polo tanto, cada un coas súas ideas singulares, pero si que había un respecto por eles.
—Ao fronte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, cal considera que foi o logro máis relevante alcanzado até o de agora?
Foi moi importante lograr que se recoñecera o nome do alcalde Blanco, fusilado en 1936, e colocar a placa co nomes dos seis fusilados en decembro de 1936 no que hoxe é o paseo Alcalde Blanco. Ese logro foi moi importante, porque o esquecemento provocara que a xente nova non coñecera a historia desas vítimas, máis alá do testemuño de familiares e da veciñanza. En 2006 comezamos a participar nos actos relacionados coa memoria histórica, por exemplo na organización das primeiras viaxes que se fixeron á illa de San Simón.
—Como evolucionou a restauración da memoria histórica?
Pensei que viña outro mundo onde se estudaría a memoria histórica nas escolas e nos libros de texto. Desafortunadamente non é así. Nos últimos anos, parece que retrocedemos como sociedade, sobre todo coa aparición de movementos tan regresivos que inxectan o medo na sociedade.
—Parte da mocidade medra sen referencias claras do que foi a represión franquista na Galiza. Como se pode transmitir a memoria ás novas xeracións?
Sobre todo desde a escola, onde se analice aquela época e a importancia de construír un modelo democrático onde todos temos espazo e nos podemos expresar. É fundamental valorar esa xeración que loitou para que tiveramos o que hoxe en día temos. A nosa xeración viviu no silencio, mais dentro das casas puidemos escoitar, uns máis, outros menos. Pero as novas xeracións xa non escoitaron nada na casa nin na escola.
—A corrente reaccionaria que medra en moitos países europeos podería chegar a Galiza?
A indiferenza dunha parte da xente nova é un mal síntoma. Nos nosos actos atopamos pouca mocidade. Iso quere dicir que non hai medidas suficientes que valoren o que se está facendo nin o que significou o período do golpe de Estado, que nin se coñece, nin se estuda. O que trae consigo é esa indiferenza que vemos, ás veces, en persoas novas.
Oficializar os "lugares de memoria"
A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica sinalizou os lugares de memoria. "Temos un monolito na Punta Maceira, que foi un espazo de represión, onde se deron malleiras a disidentes da ditadura e apareceron cadáveres", relata Queta Molas. O pozo da Revolta é outro lugar sinalado, nel foi asasinada polos falanxistas Carmen Pesqueira, 'A Capirota', o día seguinte ao asasinato de Alexandre Bóveda. "Preocupámonos de instalar placas que lembren os seus nomes. Estes lugares xa existen e están referenciados, só falta darlles a oficialidade de lugares de memoria", conclúe.