Elvira Mendes, outra raíña galega do clan dos Goterres
Non foi a única raíña galega chamada Elvira e apelidada Mendes, como outras deste nome facía parte da familia dos Goterres, cuxa historia explica o proceso político da Galiza nos séculos da Alta Idade Media.
A raíña Elvira Mendes facía parte do núcleo central da oligarquía galega. Era filla de Hermenexildo Goterres (850-912), membro da curia rexia e o máis alto cargo da corte de Afonso III, onde se desenvolveu como mordomo real. Ao tempo, actuou como conde de Tui e Porto, dirixindo a toma de Coimbra en 873, sendo avó, entre outros, de Rosendo Goterres, San Rosendo, ou da futura raíña Adosinda Goterres. A súa nai, Ermesinda Gatonez, era filla do conde Gatón do Bierzo, ao que algúns autores sitúan como fillo de Ramiro I e outros como irmán da raíña Nuna, esposa de Ordoño I e nai de Afonso III. Sexa como for, Ermesinda era curmá do monarca Afonso III.
A relación de Ordoño II e Elvira viña de vello. Á marxe da ligazón familiar, eran fillos de dous curmáns, Elvira e Ordoño conviviron xuntos desde nenos, xa que o monarca, após uns anos de estadía nas terras aragonesas dos Banu Qasi, residiu canda Hermenexildo Goterres, o seu educador durante anos. Malia que non existe unanimidade entre os historiadores, a maior parte deles apostan por situar a data da súa voda en 892, manténdose a convivencia en común até a morte de Elvira en 921. A Crónica de Sampiro recolle que Ordoño soubo do falecemento da súa esposa á volta dunha campaña militar perto da cidade de Córdoba e que este feito rematou por “amargar o seu ánimo” e mudalo para sempre.
A coroación en Lugo
Ordoño II e Elvira Mendes chegaron ao trono en 910. O 7 de xuño, os magnates galegos reunidos en Lugo nunha asemblea presidida polo bispo da cidade amurallada, Recaredo, proclamáronos como reis privativos da Galiza nuclear. Tan só catro anos máis tarde, tras a morte do irmán de Ordoño, García, asumiron o Goberno de todo o reino galego. Segundo o historiador musulmán Ibn Hayyan, “cando morreu o seu irmán García, a cristiandade unanimemente chamouno”, mais o proceso non estivo exento de tensións, procedéndose a unha remuda das influencias nos ámbitos de poder e ficando a nobreza castelá nun papel subordinado á galega.
A descendencia de Elvira e Ordoño foi numerosa, alcanzando a coroa os seus fillos Sancho, Afonso e Ramiro. Porén, as pegadas do seu reinado ficaron en múltiples actuacións desenvolvidas na Galiza, destacando as súas doazóns á sede de Compostela, rexida polo tío de Elvira, Gudesindo, onde beneficiaron a gran catedral e o mosteiro de San Martiño Pinario. Na mesma liña, o seu nome apareceu asociado desde a subida ao trono a numerosas achegas a outras sedes galegas, como Mondoñedo, onde ocupaba a sede outro tío de Elvira, Sabarico, educador de San Rosendo. Ao tempo, os monarcas significáronse no apoio ao monacato, sendo unha boa mostra disto o respaldo ao mosteiro de San Pedro de Montes, en Ponferrada, cuxa consagración asinaron como reis da Galiza.
Ordoño II desposouse tras a morte de Elvira con Aragonta González. Aragonta, filla do conde do Deza, Gonzalo Betote e de Tareixa Eiriz, era curmá de San Rosendo e facía parte do mesmo grupo nobiliario que Elvira. O seu matrimonio con Ordoño mantívose só durante 922, retirándose posteriormente ao mosteiro de Salceda de Caselas, onde exerceu de abadesa até a súa morte, arredor de 977. Ao tempo, apoiou mediante doazóns outros cenobios como Piloño, Lantaño, Celanova e Carboeiro, este último fundado polos seus pais.