A orixe da denominación 'Día da Patria Galega' contada por Bautista Álvarez
O 25 de xullo de 1968 a UPG convoca unha manifestación en Compostela e faino por vez primeira baixo a denominación actual, Día da Patria Galega. Nun fragmento dun documentario realizado en 2004, o histórico dirixente Bautista Álvarez (1933-2017) explica como se chegou a ese rótulo para designar a mobilización por excelencia do nacionalismo galego.
Mediados da década dos 60. O nacionalismo galego opera en condicións de clandestinidade. A represión dos aparatos da ditadura continúa a ser moi dura contra as e os militantes das organizacións soberanistas e de esquerda. Nese contexto un fato de mozos nacionalistas galegos estabelecido en Madrid planifica a restauración do que as Irmandades da Fala deron en chamar o "Día de Galicia".
"Non había unha denominación clara", relata Bautista Álvarez. "Sei que n'A Nosa Terra apareceu en 1920 un editorial ou un artigo de Risco titulado 'Día da Patria' [non aparecía o adxectivo galega]", engade. O certo é que á altura da década dos 60 do pasado século o nacionalismo non dera consolidado unha denominación para a xornada de celebración e reivindicación dos dereitos nacionais de Galiza.
Álvarez narra que mantivo en Madrid conversas con Xosé Luís Méndez Ferrín, anos 1967-1968, e o resto de nacionalistas que moraban na capital do estado, visando darlle ao 25 de xullo unha dimensión política, "porque até daquela o que se celebraba era unha misa a Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres, onde se xuntaban todos os galeguistas románticos".
Este relato aparece nun fragmento do documentario Bautista Álvarez, unha vida para a nación, un traballo dirixido en 2004 por Lois Diéguez, Carme Vidal e Xoán Carlos Garrido e producido pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. O extracto dura por volta de 2 minutos, editados por Alberte Mera e incorpora como elemento novidoso a respecto da versión orixinal a fotografía da pancarta pendurada na Alameda de Compostela o 25X de 1968 e, ao remate, imaxes do manifesto-convocatoria distribuído pola UPG.