A curva de Fontaboa racha un silencio ignominioso
“A miña nai tiña 8 anos cando lle mataron o pai”, di José, que leva Benito tamén no nome, o nome do avó. “Apareceu nunha estrada preto de Xinzo. A avoa chegoulle a nova polo polbeiro de Xinzo. El saíra para facer noite en Meaus na casa duns parentes e pasar logo a Chaves. Parece que tiña idea de marchar para Lisboa”. Manuel é un dos irmás pequenos, ten 63 anos, a outra irmá tamén estirou as vacacións de cada verán en Muíños para asistir a homenaxe. Os tres viven en Barcelona. Marcharon de cativos canda a nai e a avoa. “Levamos corenta e sete anos alá, eu cheguei con 15 anos, pero son de esquerdas e galeguista. Sempre o fun. Sobre todo, antifascista. Pero na casa non falabamos diso. A avoa sempre estivo calada. Penso que cando chegou a democracia abriuse algo máis, pero…”
José Benito e un amigo toparon nun pombal unha granada de man no 59. Estopoulles. O amigo pasou dous días moi mal e despois morreu. El perdeu a visión dun ollo. Tiña dez anos. Despois quedou cego. A familia mudouse a Barcelona. A principios dos oitenta, coa democracia, a avoa concedéronlle unha pensión de viúva. Foi a única reparación, pero tamén rodeada de silencio.
“Eu sinto unha emoción moi grande”, confesa Manuel, “agradezo moito o traballo desta xente que recuperou a nosa historia. Si, en Barcelona hai máis presión social e estas cousas van máis rápido, e xa sabemos como é Galiza”. “Igual tiñamos que telo sabido todo antes”, apunta José. A avoa morreu no ano 2000, tiña 92 anos.
Un monólito de sete toneladas para honrar ás vítimas
O memorial que homenaxea ás vítimas do Val do Limia é un peno de granito de máis de sete toneladas e tres metros de alto, que traballou o mestre canteiro Diego Currás, O Rixón, e leva gravado o nome e a data das execucións de 25 persoas. “Son vítimas do fascismo”, puntualiza Carlos Morais, “porque mesmo dous deles morreron en campos de concentración nazis”.
Carlos Morais é un dos membros do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia, un dos investigadores que deu cos nomes e as historias dos represaliados, “sen axuda institucional ningunha”. “Non a queremos, por iso para o acto deste sábado non convidamos a autoridade política ningunha. Son herdeiros do franquismo”, afirma.
Morais, coma outros membros do comité, coñecen historias de represión na propia familia. Levan anos coas pescudas, aínda que o comité non naceu formalmente até o ano pasado. Empezaron con dous roteiros, e para este mesmo ano xa avanzan un acto no encoro das Conchas, “para recuperar a memoria de aquelas aldeas anegadas polo primeiro embalse que levantou o franquismo”. Este ano fará 70 anos.
“Está sendo difícil”, confesa Morais, “a xente foi morrendo e nunca quixo falar, tampouco os que quedan. Oitenta anos despois o medo está moi vivo”.
Á homenaxe (ás 17.30 horas deste sábado 14 de setembro) súmanse Anxo Angueira, Carmen Blanco, Rochi Nóvoa, Elvira Ribeiro e Claudio Rodríguez Fer. Haberá música, coas pandeireteiras As da chispa e amigos, Carmen Penim & Maurizio Polsinelli, Xosé Cosntenla, Mini e Sés.
“Queremos honrar a todas aquelas veciñas e veciños de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños que contribuíron a paliar o atraso e empobrecemento, que exerceron solidariedade e contribuíron a mellorar as condicións de vida e a auto-estima dos sectores mais humildes e oprimidos”, conclúe o comunicado do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia para a presentación do acto.