Culleredo retira a distinción de fillos adoptivos a dúas persoas ligadas co Franquismo
O Concello adoptou esta medida para cumprir coa Lei de Memoria Histórica, polo que tamén mudarán o nome de dúas rúas.
O Concello de Culleredo (comarca da Coruña) retirará a condición de fillos adoptivos a dúas persoas e cambiará o nome de dúas rúas en cumprimento da Lei de memoria histórica, segundo informou.
O alcalde, José Ramón Rioboo, sinalou que é "unha medida firme en cumprimento da Lei de memoria democrática como acto de xustiza e dignidade". O rexedor fixo especial mención ao traballo que realizou o historiador municipal, agora xubilado, Carlos Pereira, na súa investigación sobre os efectos do franquismo en Culleredo, un traballo que foi a base para estas propostas.
Os recoñecementos como fillos adoptivos serán retirados a Ricardo Catoira Garaboa, que fora aprobado no pleno do 16 de xuño de 1955, e a Diego Salas Pombo, que data do 24 de marzo de 1945. "Ambos contan cunha biografía que demostra o seu rol directo co movemento franquista", remarcou o Consistorio.
"Ricardo Catoira tivo unha relación persoal con Francisco Franco, acompañándoo xa na Guerra Civil desde Burgos". "Na sentenza do Pazo de Meirás figura mencionado Ricardo Catoira como peza fundamental na xestión do inmóbel ao longo dos anos", engadiu como exemplo.
Pola súa parte, Diego Salas ocupou postos relevantes durante o franquismo, como gobernador civil, vicesecretario xeral de FET e das JONS, entre outros. En canto ás rúas que mudarán os seus nomes estas serán a de Sanjurjo de Carricarte, no Burgo, e Alcalde Narciso Pardo, en Liñares.