Constatan polo menos catro enterramentos clandestinos nunha das foxas comúns máis grandes da Galiza
Esta sexta feira remata a fase preliminar dos traballos de exhumación neste cemiterio de Narón, onde se estima que están enterradas un mínimo de 51 persoas vítimas da violencia da Guerra Civil e do franquismo.
As escavacións que se realizan desde o pasado 4 de novembro no cemiterio do Val, en Narón (Ferrolterra), constataron a aparición de polo menos catro enterramentos clandestinos, ademais da localización doutros oito corpos que deberán ser analizados. Así o trasladaron desde a entidade Histagra (Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural), pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC), que a través do seu equipo do Plan de Memoria Democrática da Galiza é a responsábel destes traballos de exhumación.
Esta fase desta intervención, que finaliza esta sexta feira, consistiu na realización dunha gabia na parte dianteira duns nichos, que se dividiu en varios sectores. Nun deles, "onde se concentra a gran maioría dos sinais de violencia atopadas até o momento" constatáronse como mínimo catro individuos en posición non funeraria. Así, Histagra considera que, con claridade, trátase dun enterramento clandestino.
Noutro sector, tamén se localizou "un individuo" que podería tratarse dalgunha das vítimas que se buscan. Con todo, indicaron que este extremo non se pode determinar sen completar a escavación debido ás construcións dos nichos na parte superior. Noutra zona constatan o achado de "sete individuos, en posicións aparentemente funerarias”, un deles con “sinais de violencia no cranio".
Esta fase preliminar incide en que "podería tratarse dun enterramento clandestino compartido con enterramentos funerarios convencionais, pero tamén poderían interpretarse como enterramentos convencionais todos eles". Por iso, os responsábeis da actuación sinalan que "non é posíbel avanzar máis sen exhumar o que queda debaixo dos nichos". Ademais, indicaron que "se traballou até onde se puido, tratando de manter unhas as condicións de seguridade óptimas".
Diferentes formas de enterramentos
Histagra apunta que "se pode concluír que se observan diferentes fases e dinámicas de enterramentos" e que, segundo os indicios atopados, concéntranse debaixo dos nichos e van a maior profundidade". Por iso, consideran que "se debe ter en conta que toda esta información" trátase dunha "valoración preliminar, que necesita dun tratamento crítico reflexivo posterior, cunha posta en común co equipo" responsábel destes traballos.
Estas tarefas tiñan como obxectivo "confirmar a localización da foxa, delimitar as súas dimensións e determinar o seu grao de alteración debido á posterior construción de nichos encima". Segundo o informe histórico previo, un mínimo de 51 persoas vítimas da violencia da Guerra Civil e franquismo serían enterradas no Val en distintas datas desde finais de agosto de 1936 a 1938.
Todos eles eran homes e a gran maioría tiñan entre 18 e 30 anos, sendo mariñeiros, oficiais e suboficiais de Armada e que foron executados tras ser sentenciados por un tribunal militar a pena de morte. De forma concreta, os sucesos de mediados de decembro, con máis de 30 asasinatos, constitúen unha das maiores execucións colectivas das que temos constancia na Galiza.