O Concello de Tui solicita a nulidade dos xuízos da ditadura
A localidade lembra os fusilados polo franquismo coa colocación dun monumento na Alameda de San Domingos
O Concello de Tui solicitou esta cuarta feira ante os organismos competentes a declaración de "ilexitimidade e nulidade" dos xuízos e sancións ditados por motivos políticos, ideolóxicos, ou de conciencia durante a ditadura a 137 persoas naturais de Tui das que 70 foron executadas ou paseadas, e 67 procesadas ou sancionadas. Outra das accións a levar a cabo será a colocación, na Alameda de San Domingos, onde foron fusilados veciños e veciñas de Tui en 1936, "un bloque de pedra do país co nome das persoas represaliadas por orde alfabética", relataron desde o ente municipal.
Con esta solicitude "dáse cumprimento", sinalaron desde o Concello, a un dos puntos recollidos na moción aprobada por unanimidade no pleno de novembro. O texto foi promovido polo colectivo Levada Libre.
A corporación municipal acordou tamén colocar unha placa de lembranza e desagravio na que figuren os nomes dos carabineiros e mariños que foron degradados e executados polos militares sublevados por defender e ser fieis ao goberno legalmente establecido da República. Deste xeito, o concello de Tui "recoñecerá simbolicamente" ás vítimas da represión franquista, "honrando publicamente" a súa memoria. "Todas estas iniciativas teñen por obxectivo afondar e conservar os valores democráticos que rexen a nosa vida colectiva", sinalou o seu alcalde Enrique Cabaleiro.
O Concello lembrou, ademais, todas as iniciativas que se lavaron a cabo en relación coa memoria histórica, como a declarade Lugares da Memoria a catro lugares do concello ou a promoción do o I Mes da Memoria Democrática en outubro.