Distínguea a CRMH da Coruña

A comunista Celsa Díaz Cabanela, detida máis de sete veces, Republicana de Honra

Celsa Díaz Cabanela nos anos 70. Foto: La Voz de la República.

A vida militante da moza Celsa Díaz Cabanela, nos 70 membro das Xuventudes Comunistas, confundíase coas continuas entradas e saídas nos calabozos. Encarcerada en 1974 e 1975, detida máis de sete veces, é a persoa escollida pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña como Republicana de Honra 2019.
 

Díaz Cabanela era, en 1972, unha rapaza de 15 anos que cursaba quinto de Bacharelato. A súa implicación en acitvidades culturais e de protesta levouna a ser expedientada e expulsada do Instituto de Monelos, na Coruña. De alí pasou ao centro de Zalaeta, onde continuo a súa loita pola democracia e a igualdade.

 

“Neses meses foi detida máis de sete veces, Era arrestada pola Policía e incomunicada en comisaría 72 horas, o máximo permitido”, relata a Comisión nunha nota remitida aos medios de comunicación, “o pero era cando a levaban para interrogala onde estaban os policías. Dicíanlle todo tipo de insultos vexatorios e machistas, querían que declarase quen eran os seus camaradas”.

 

En 1974, a Policía levouna do instituto, directamente á cadea. Alí foi a única presa política. Saíu, e ao ano seguinte volvérona apresar durante dous meses. En ambas as dúas ocasións, a escusa era a presunta notificación dunha multa que non pagara e que, en realidade, nunca recibira. A causa dos expedientes, cando foi liberada non puido continuar os estudos e comezou a traballar.

 

Só despois da Lei de Amnistía de 1977 rematou o Bacharelato e Graduado Social. Díaz Cabanela abandonou o Partido Comunista -ao que tamén pertencían os seus irmáns- despois do 23F, por non chamar a organización a parar o golpe na rúa. Na actualidade, preside a Asociación Antisida. “Crúzase todos os días na piscina cun dos que a detiveron e insultaron na comisaría”, conclúe a nota.