Lorca Fillo Adoptivo e Xohana Torres Predilecta

Compostela nomea Alcalde de Honra a Ánxel Casal

Detalle do retrato de Ánxel Casal que lle fixo Camilo Díaz Baliño no cárcere de Santiago.

A reparación política de Ánxel Casal culmina, dalgún xeito, a vindeira cuarta feira ás oito do serán. O Concello de Santiago de Compostela, do que foi alcalde polo Partido Galeguista antes de ser asasinado polos fascistas en 1936, nomearao Alcalde de Honra.
 

Non será a única distinción outorgada en acto solemne no Auditorio de Galiza. A corporación municipal fará efectiva a decisión do pleno do pasado xullo, que inclúe o recoñecemento da cidade a Federico García Lorca como Fillo Adoptivo -en Compostela publicou os Seis poemas galegos, xustamente na editorial Nós de Ánxel Casal. A xornalista e novelista Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Compostela, 2014) recibirá idéntica homenaxe.

 

Tres Fillas Predilectas completarán, tamén de maneira póstuma, a homenaxe institucional: a poeta Xohana Torres (Ferrol, 1929-Vigo, 2017) e os músicos, cantautores antifranquistas e integrantes de Voces Ceibes, Bibiano Morón (Compostela, 1950-Vigo, 2016) e Benedicto García Vilar (Compostela, 1947-2018).

 

Os nomeamentos derivan dunha moción plenaria aprobada por Compostela Aberta, BNG e PSdeG e na que se abstivo o PP. O texto aporbado implica ademais a retirada das condecoracións outorgadas a nove ministros franquistas.