Análise

Cometeron crimes contra a humanidade e conservan distincións

O xeneral golpista Fidel Dávila Arrondo. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
Manuel Monge, sociólogo e vítima do franquismo.

O maxistrado Baltasar Garzón da Audiencia Nacional recollía denuncias de entidades memorialistas e presentaba uns autos en 2008 por "presuntos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade, fundamentados na existencia dun plan sistemático e preconcibido de eliminación de opoñentes políticos a través de múltiple mortes, torturas, exilio e desaparicións forzadas (detencións ilegais) de persoas a partir de 1936, durante os anos de Guerra Civil e os seguintes da posguerra". Os autos cuestionaban aspectos da mesma Transición, como o pacto político de silencio sobre os crimes do franquismo e a impunidade para os que cometeron eses crimes.

Crimes contra a humanidade

O auto cualificaba a acción militar do 18 de xullo de 1936 como crime contra a humanidade, facendo referencia ao Estatuto da Corte Penal Internacional de 17 de xullo de 1998, que no seu artigo 7 tipifica estes crimes: "Entenderase por crime de lesa humanidade calquera dos actos seguintes: asasinato, deportación ou traslado forzoso de poboación, cárcere ou outra privación grave da liberdade física en violación de normas fundamentais de dereito internacional, tortura, persecución dun grupo ou colectividade con identidade propia fundada en motivos políticos, raciais, nacionais, étnicos, culturais, relixiosos, de xénero; desaparición forzada de persoas". Garzón sinalaba 35 persoas como máximos responsábeis destes presuntos delitos.

Persoas que cometeron eses crimes e conservan distincións en Galiza:

—Fidel Dávila Arrondo. Xeneral golpista, vogal da Xunta de Defensa Nacional, ministro do Exército (1945-1951). A Lei de Memoria Democrática retiroulle o título de Marqués de Dávila e a Grandeza de España. Medalla de Prata de Santiago (11/6/1948).

Severiano Martínez Anido. Xeneral golpista, ministro da Gobernación e vicepresidente do goberno na Ditadura de Primo de Rivera, destacando pola súa crueldade e represión. Fillo Adoptivo e Predilecto da Coruña (19/7/1928). A Estrada cambiaba en 2006 a praza Martínez Anido por praza do Mercado. A Deputación da Coruña retirou o seu retrato no ano 2019.

—Salvador Moreno Fernández. Almirante golpista. O cruceiro Canarias da Armada sublevada, que comandaba, bombardeaba a estrada Málaga-Almería ("A desbandá") en febreiro do 37, provocando máis de 5.000 mortos. Ministro da Mariña (1939-1945 e 1951-1957). Fillo Predilecto Deputación da Coruña (29/8/1951) e de Ferrol (2/5/1949). Ferrol retirou a súa rúa en 1981, hoxe Irmandiños, e Pontevedra eliminaba a súa rúa en 2002, hoxe Rosalía de Castro.

—Jorge Vigón Suero Díaz. Xeneral golpista, ministro de Obras Públicas (1957-1967). Fillo Adoptivo de Santiago (13/2/1965) Ferrol (8/2/1958) e de Ortigueira (30/9/1959). O concello de Cedeira retiroulle a distinción de Fillo Adoptivo (18/10/2020).

—Eduardo González-Gallarza Iragorri. Xeneral golpista, vogal da Xunta de Defensa Nacional, ministro do Aire (1945-1957). Fillo Adoptivo de Santiago (12/3/1954). O alcalde franquista de Vigo, Tomás Pérez Lorente, entregoulle o pergamiño como Fillo Adoptivo (25/4/1954). O concello de Bilbao (25/2/2015) retiráballe, cos votos a favor de PNV e PSOE, a Medalla de Ouro da Vila porque o Pleno revogaba "todos os títulos, premios ou medallas concedidas polas corporacións municipais franquistas desde o 19 de xuño de 1937 (día da 'Liberación' de Bilbao polas tropas franquistas) até abril de 1979 a persoas que foron significadas durante o período franquista polas súa adhesión ou conivencia coa ditadura".

En aplicación da Lei de Memoria Democrática, deberían retirar todas as distincións a estes criminais porque son ilegais

—Francisco Regalado Rodríguez. Almirante golpista, vogal da Xunta de Defensa Nacional, ministro de Mariña (1945-1951). Medalla de Prata de Santiago (30/5/1957). O concello de Poio cambiaba o nome da súa rúa en maio de 2021 por rúa Baixada á Chousa e Paseo das Redeiras.

—Blas Pérez González. Falanxista, ministro da Gobernacións (1942-1957), procurador nas Cortes franquistas (1943-1977). Medalla de Prata de Santiago (30/5/1947). Daba nome a unha avenida no seu pobo natal, Santa Cruz da Palma, que foi retirada, así como un monumento que tiña nese concello. A Deputación de Cádiz retiráballe a Placa de Ouro (18/4/2018).

—Raimundo Fernández Cuesta y Merelo. Falanxista, ministro de Agricultura, de Xustiza e ministro Secretario Xeral de Falanxe, presidente do Consello de Estado e procurador nas Cortes franquistas (1943-1977). Medalla de Ouro de Lugo (1949).

En aplicación da Lei de Memoria Democrática, as institucións deberían retirar todas as distincións a estes criminais porque son ilegais.