Celanova e familias de vítimas represaliadas polo franquismo piden recoñecer o cemiterio de San Breixo como lugar de memoria

Acto no cemiterio de San Breixo, este domingo 21 de setembro. (Foto: Comité de Memoria de Celanova)
Segundo informou nun comunicado o Comité de Memoria Histórica, os restos foron exhumados nunha intervención pioneira na comarca e abriron o camiño á investigación e localización de familias das 90 vítimas do fascismo enterradas alí.

Familiares de vítimas da represión durante o levantamento franquista enterradas no cemiterio de San Breixo, en Celanova, xunto ao Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova, pedirán que se declare o camposanto como lugar de memoria.

Para iso, destacaron desde o propio cemiterio que rexistrarán esta segunda feira un escrito na Subdelegación do Goberno español en Ourense coincidindo co aniversario dos fusilamentos dos sete asturianos en San Breixo.

Segundo informou nun comunicado o Comité de Memoria Histórica, os restos foron exhumados nunha intervención pioneira na comarca e abriron o camiño á investigación e localización de familias das 90 vítimas do fascismo enterradas alí.

Tamén hai seis meses dos actos do 23 marzo para a inauguración do memorial 'Os 90 de San Breixo' nos que "desde a Alcaldía de Celanova até o Goberno estatal e a Xunta da Galiza comprometéronse a traballar polo coñecemento e divulgación da memoria histórica de Celanova".

O memorial honra os enterrados en San Breixo e, por iso, a declaración como lugar de memoria "é urxente" para "garantir a súa protección" para futuras investigacións e a localización de familias, xa que "moitas descoñecían que fosen alí enterrados os seus".

Tras os actos de marzo realizaron unha primeira solicitude de declaración cun rexistro ante a Secretaría de Estado de Memoria. Agora, amplían esa petición coas solicitudes dos e das familiares destas 90 persoas represaliadas.

O obxectivo é que os órganos que vaian estudar a proposta entendan que San Breixo "non é só un espazo de represión e memoria amplamente documentado, senón tamén unha demanda social compartida en Celanova e na Galiza", destacou o comité.