Os campos de concentración da Pobra do Caramiñal
A apertura dos campos de concentración da Pobra están directamente ligados á política represiva instaurada polo franquismo e particularmente ao avance do exército franquista ao sur do Ebro e á progresiva caída da fronte catalá, que obrigou á posta en funcionamento de novos centros de reclusión e á activación doutros que xa viñan funcionando desde 1937. Eis un extracto da peza, publicada no número 341 do semanario Sermos Galiza.
O inmóbel, localizado no mesmo lugar onde hoxe desenvolve a súa actividade Conservas Friscos, estaba formado por unha casa-habitación e unha fábrica anexa dunha capacidade limitada, ao igual que o campo de concentración situado no Areal, concretamente nas naves da conserveira de Boullón.
A falta de espazo no campo do Pozo e do Areal levou a habilitar a escola de nenas da vila como un espazo auxiliar aos mesmos, certificando a existencia deste estabelecemento penal a propia documentación municipal en abril de 1939 ao afirmar que “na actualidade, en dúas magníficas fábricas de conservas de peixes e mariscos, existen Campos de Concentración de prisioneiros e evadidos do máis diverso matiz”.
Ao redor de mil detidos
Os campos de concentración da Pobra do Caramiñal chegaron a acoller ao redor de mil detidos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron os centros de confinamento franquista na zona da Barbanza, estes números aparecen confirmados tanto polas fontes orais como pola documentación escrita.
Así, coñecemos que o 13 de febreiro de 1939 chegan á localidade uns seiscentos detidos e que o día seguinte dislócanse outras trescentas trinta persoas, após seren trasladadas nun tren de mercadorías desde Zaragoza a Padrón e posteriormente en camións até A Pobra. A maioría dos reclusos confinados na vila da Barbanza correspondíanse con soldados do exército popular que tiñan participado en accións de combate na fronte aragonesa e catalá, sendo na súa práctica totalidade de orixe catalá, como confirman os apelidos dos detidos e a propia memoria das veciñas e veciños da zona.
[Podes ler a peza íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]