Campobecerros homenaxea os carrilanos portugueses asasinados polo fascismo
O 20 de agosto de 1936 o fascismo asasinou tres carrilanos portugueses que vivían en Campobecerros, no concello de Castrelo do Val. Veciñas e veciños buscaron a Antonio, José María e Ramiro polos montes, até que atoparon os seus corpos preto de Portocamba.
Arrinca así o vídeo colado embaixo, cuxas imaxes corresponden á homenaxe que este domingo renderon aos fusilados, organizada polo proxecto interuniversitario Os nomes, as voces, as vítimas e os lugares, a asociación cultural Carrilanos e o Goberno local. Entre os actos, o descubrimento dunha placa conmemorativa no lugar mesmo onde os asasinaron; palestras para explicar o acontecido nesa matanza de carrilanos que participaban na construción da liña ferroviaria entre Ourense e Zamora e que apoiaran a República, sufrindo a represión cando estalou a Guerra Civil; e a proxección do documental Causa 1021.