Cambre resgata o Conde de Andeiro
O 6 de decembro de 1383 era asasinado no Palacio Real de Lisboa Joam Fernandes de Andeiro, un dos máis grandes diplomáticos do século XIV europeo, grande estratega e político, ennobrecido co título de Conde de Ourem e que pasaría á historia como Conde de Andeiro, freguesía do concello de Cambre, onde nacera en 1320. O Concello resgatou esta quinta feira, día 6, a súa figura.
Achegarse á epopea do Conde de Andeiro é iniciar unha viaxe a unha figura fascinante, obxecto a un tempo de mitificación e esquecemento debido á dimensión e incomodidade da súa biografía. Biografía que o Concello de Cambre pretende resgatar do baúl para a divulgar, contextualizar e dignificar, “facendo xustiza a un patriota galego inxustisimamente descoñecido cando non menosprezado”, afirmou na mañá da cuarta feira o concelleiro de Cultura, Dani Carballada.
O conde de Andeiro defendeu no seu momento unha solución atlantista para afianzar e perpetuar a soberanía da Galiza, vinculando o país a Inglaterra, onde residiu como embaixador, e a Portugal, onde chegou a ser unha figura clave e referencial, que pervive a día de hoxe, en grande medida deturpada, no imaxinario colectivo do país. “Baixo a súa iniciativa, A Coruña proclamou Fernando O Fermoso de Portugal rei da Galiza, trasladando a súa corte á capital herculina, que chegou a emitir moeda propia e a manter relacións internacionais plenamente soberanas nun período histórico que só rematou logo do asedio e ataque dos exércitos casteláns, tras a derrota, que non rendición, da Coruña, vencida xa o resto da nación”, explicou o edil de Cultura.
Conmemoración
A continuación, estreouse un pequeno documentario divulgativo sobre a figura do Conde de Andeiro, co obxecto dar a coñecer en apenas 10 minutos os aspectos máis salientábeis da súa vida. A sorpresa da xornada chegou cando ao pé do cruceiro situado nas inmediacións da igrexa de San Martiño fixo aparición o conde de Andeiro, quen, no día en que se facían exactamente 635 anos da súa morte, semellaba estar máis vivo que nunca. Foi posíbel grazas á recreación histórica que realizou o actor e historiador Suso Martínez, que debuxou un percorrido teatralizado pola parroquia e que rematou nos restos da primitiva Torre na que naceu o conde de Andeiro e na que chegou a hospedarse o rei Fernando de Portugal.
A presidenta da asociación veciñal, María José Naya, e os concelleiros de Cultura e de Deporte, Dani Carballada e Brais Cubeiro, amosaron a súa satisfacción polo balanzo positivo dun acto que se prolongou pola tarde cun animado obradoiro para crianzas e coa posterior conferencia a cargo da normalizadora lingüística municipal Alicia Longueira e da historiadora Águeda Rei. A palestra derivou nunha sorte de faladoiro en que se reflexionou sobre o devir de Galiza se trunfasen as teses e proxectos de Andeiro.
Día do Conde de Andeiro
“Dentro dun tempo o Conde de Andeiro será unha figura popular, moito máis coñecida e valorada dentro e fóra de Cambre, será un atractivo máis, un elemento diferenciador e un factor de orgullo e autoestima para a Galiza toda, ademais dun símbolo da nosa historia común con Portugal”, puxo de manifesto o edil de Cultura ao concluír a xornada.
O tamén concelleiro Brais Cubeiro indicou que "toca primeiramente dar a coñecer máis e mellor o Conde de Andeiro como paso previo para, en vindeiras edicións, afondar e abrir espazos á irmandade, á amizade e ao convivio con Portugal, porque esa é a mensaxe e a filosofía desta iniciativa, consolidar un foro de entendemento e colaboración entre dúas nacións irmás, aberto á participación do tecido asociativo e de axentes sociais e culturais”.