Brindar polo pobo soberano
Marzo está aí, para chegar e entrar nas nosas vidas. Como entrou na de Eduardo Pondal cuxa vida está marcada por dous días de marzo, mediando entre eles sesenta e un anos. Un é o domingo día dous do ano 1856. Nese día tivo lugar na carballeira de Conxo un Banquete Democrático que sentou á mesa patróns e operarios, servidos polos estudantes da Universidade. Era unha maneira de pór á vista, de visibilizar os ideais de liberdade, fraternidade e necesaria unión de clases sociais imprescindíbeis para o bon fin dos procesos revolucionarios.
O xantar reuniu parte dos protagonistas que, a nivel literario, encheron con letras grandes o Rexurdimento, por máis que o galego non fose aínda en marzo de 1856 a norma en materia de criación literaria. Entre eles Rosalía, Aguirre e Pondal, autores estes últimos, xunto a Luís Rodríguez Seoane, dos textos que provocaron “grande espanto” na imprensa da época e estiveron a piques de enviar Pondal e Aguirre de turistas forzosos para as illas Marianas.
“... brindo por el pueblo soberano,
y a quien acate, libre como el viento,
el vuelo del humano pensamiento” dixo Pondal
Libre, emancipada e forte. Así é tamén como hoxe a queremos. Brindemos pois polo pobo soberano.