BNG, sobre a Francisco Franco: "Non aceitamos nen ameazas nen chantaxes, nen lles temos medo"

Luís Bará

Contundente resposta do BNG perante a eventual formulación dunha denuncia da Fundación Francisco Franco contra as persoas que o pasado 30 de agosto protagonizaron a toma simbólica do Pazo de Meirás.

"Non aceitamos nen ameazas nen chantaxes por parte dos franquistas", dixo esta segunda feira Luís Bará, parlamentar do BNG, en relación ao ataque proferido contra a formación nacionalista por parte da fascista Fundación Francisco Franco.

 

"Non lles temos medo e continuaremos a denunciar o incumprimento da lei [reférese á interrupción do réxime de visitas do Pazo de Meirás por parte da fundación], a impunidade do franquismo, o espolio e o roubo de bens públicos e tamén a cumplicidade das institucións do Estado, da Xunta da Galiza e do PP co franquismo", engadiu.

 

Bará salientou que a próxima cuarta feira o BNG defenderá no Pazo do Hórreo unha iniciativa para, entre outros elementos, demandar a ilegalización da Fundación Francisco Franco pola súa continua apoloxía da ditadura. "O PP terá a oportunidade de esclarecer de que lado está, se do lado dos franquistas ou do lado da democracia", concluíu.