"Non aceitamos nen ameazas nen chantaxes por parte dos franquistas", dixo esta segunda feira Luís Bará, parlamentar do BNG, en relación ao ataque proferido contra a formación nacionalista por parte da fascista Fundación Francisco Franco.
"Non lles temos medo e continuaremos a denunciar o incumprimento da lei [reférese á interrupción do réxime de visitas do Pazo de Meirás por parte da fundación], a impunidade do franquismo, o espolio e o roubo de bens públicos e tamén a cumplicidade das institucións do Estado, da Xunta da Galiza e do PP co franquismo", engadiu.
Bará salientou que a próxima cuarta feira o BNG defenderá no Pazo do Hórreo unha iniciativa para, entre outros elementos, demandar a ilegalización da Fundación Francisco Franco pola súa continua apoloxía da ditadura. "O PP terá a oportunidade de esclarecer de que lado está, se do lado dos franquistas ou do lado da democracia", concluíu.