Andeiro, o diplomático que trunfou en Portugal
Deulle entrada na Coruña ao rei de Portugal e intentou coa familia Castro trazar unha alianza anglo-luso-galaica fronte aos Trastámara. Logo, refuxiado no país luso, rematou converténdose nun dos grandes diplomáticos na Europa da Guerra dos 100 Anos. É Xoán Fernández de Andeiro, que protagoniza unha ampla reportaxe no Sermos Galiza 231, xa á venda nos quiosques e na loxa. Eis un extracto da peza.
En Portugal Xoán Fernández de Andeiro representa practicamente o mal personificado. E na Galiza, onde naceu en 1320, é aínda un completo descoñecido. Segundo escribe o historiador Anselmo López Carreira en O reino medieval de Galicia, "Andeiro era representante paradigmático do sector aristocrático adherido á opción atlantista de Galiza, coa ollada posta en Portugal e Inglaterra, e estaba chamado a desempeñar un papel protagonista na alianza anglo-luso-galaica que culminaría en 1386 co desembarco do duque de Lancaster en Galiza". O seu obxectivo, en palabras de Carreira, era "artellar unha alianza sólida entre estes dous reinos que facilitase a intervención en Galiza, prevendo o protagonismo militar inglés".
O de Cambre era un dos líderes, xunto con Álvaro Pérez de Castro e Nuño Freire de Andrade, do alzamento de Galiza en favor do rei portugués, que foi aclamado en todas as partes como señor de Galiza. Primeiro Tui e Salvaterra, logo Baiona e Redondela. Logo Ourense, Santiago e, por fin, A Coruña, segundo relata Emilio González en La insumisión gallega.
[Podes ler a reportaxe íntegra no semanario Sermos Galiza 231, á venda nos quiosques e na loxa online]