Vandalizan en Tui o monumento de Silverio Rivas en memoria dos represaliados de 1936
O monumento aos represaliados de 1936 situado na Alameda de San Domingos, en Tui (Baixo Miño), foi obxecto dun acto vandálico, segundo recollen as imaxes publicadas. A obra, creada polo escultor Silverio Rivas, foi inaugurada o 27 de xuño de 1999 por iniciativa da Comisión cidadá pola Verdade do 36, co obxectivo de render homenaxe ás vítimas da represión franquista na localidade.
Segundo explicou nunha entrevista o artista, o proxecto xurdiu tras o contacto cun membro da comisión en 1997. A partir dese encontro, decidiu implicarse na creación dunha peza específica para este fin, malia as dificultades iniciais de financiamento. A construción do monumento foi posíbel grazas, en parte, á doazón de obras por parte de diferentes artistas, o que permitiu sufragar os custos dos materiais e da execución.
A escultura está composta por un muro de granito vermello —nun xesto simbólico de homenaxe aos “roxos”— do que emerxe a silueta dunha figura humana duns catro metros de altura. A peza transmite unha sensación de inestabilidade e desamparo, evocando o sufrimento das persoas represaliadas, exiliadas ou obrigadas a abandonar as súas vidas tras o golpe do 36.
Tras máis de 25 anos como símbolo da memoria histórica en Tui, o recente acto vandálico volve poñer o foco na necesidade de preservar este tipo de espazos de lembranza colectiva. Máis aínda, cando non é esta a prmeira vez que o monumento é obxecto de pintadas.