Os 19 de Meirás esixen ao Goberno que inicie a recuperación do pazo antes do 28A

Representantes dos 19 de Meirás. Sentado, no centro, o seu portavoz Néstor Rego. Foto: @rubencela

As 19 persoas denunciadas pola familia Franco despois da ocupación simbólica en 2017 do Pazo de Meirás esixen do Goberno do Estado que mova ficha. “Para os galegos e galegas non é menos importante a recuperación do Val dos Caídos, se non máis, recuperarmos Meirás”, declarou aos medios de comunicación o seu portavoz, Néstor Rego.

Os activistas convocaron á prensa para esixir ao Goberno de Pedro Sánchez, que enfronta o tramo final do seu mandato, “o inicio inmediato, antes da convocatoria electoral [o 28 de abril], das accións legais pertinentes para que o Pazo de Meirás deixe de ser propiedade da familia Franco e regrese ao seu lexítimo dono, o pobo galego”. Queren que o Executivo central presente unha demanda polo civil.

 

Igual que a portavoz nacional do BNG Ana Pontón escribiu unha carta en termos análogos a Pedro Sánchez, os 19 de Meirás -para os que os demandantes piden 13 anos de prisión e unha multa colectiva de medio millón de euros- relacionaron a situación de Meirás coa do Val dos Caídos. “Para a recuperación da memoria histórica de España é importante do punto de vista simbólico a recuperación do Val dos Caídos”, expuxo Rego, “para as galegas e galegos non é menos importante, se non máis, recuperarmos Meirás”.

 

“Parécenos ben que se actúe dun xeito contundente co Val dos Caídos, pero demandamos o mesmo para o pazo”, engadiu. Dous completos informes técnico xurídicos, encargados pola Deputación da Coruña e mais a Xunta de Galiza, avalan a esixencia. “É de xustiza e é inxustificábel que non se fixera nos últimos meses”, considerou Rubén Cela, outro dos encausados e concelleiro do BNG en Compostela.

 

O grupo de activistas realizaron unha recollida simbólica de sinaturas na rúa e veñen de abrir unha conta en change.org para recadar apoios. Ademais, expresaron a súa solidariedade co historiador Carlos Babío, coautor de Meirás. Un pazo, un espolio, un caudillo, recentemente denunciado polos Franco debido á súa participación nun programa de televisión sobre o patrimonio da familia do ditador.

 

Os 19 de Meirás tamén avisaron de que, de non actuar o Goberno con celeridade, porén “en marcha outro tipo de medidas de mobilización social”. “Non nos vai parar nin a familia Franco nin a fundación nin ningún goberno, nin español nin galego, nin do PP nin do PSOE”, advertiu, nas redes sociais, Cela.