Os 11 mártires antifascistas do masacre de Tenorio aínda agardan xustiza

Voluntarios da ARMH escavando no cemiterio de Tenorio en 2009 en busca das vítimas do masacre de novembro de 1936. (Foto: ARMH)

O 9 de novembro de 1936 aparecían asasinados 11 demócratas na Volta do Couto, no concello de  Cerdedo-Cotobade. 89 anos despois Nós Diario rescata este capítulo da represión franquista para recuperar a memoria destes mártires da liberdade.

Os meses de setembro e novembro de 1936 foron terríbeis para os demócratas confinados no campo de concentración de San Simón, na ría de Vigo. Día si e día tamén sucedíanse sacas e paseos das persoas presas nun implacábel proceso de represión paralegal, avalado polas altas instancias do réxime, que tiña en Fernando Lago Búa o vértice do operativo.

Uns días antes de que Lago Búa fora cesado como director do campo de concentración da illa de San Simón e se comezara un proceso que rematou co seu fusilamento en xaneiro de 1937, como consecuencia formal de supostas prácticas ilegais no centro de confinamento, 11 demócratas eran sacados da illa e, posteriormente, asasinados no concello de  Cerdedo-Cotobade.

O 9 de novembro de 1936, A Volta do Couto, na parroquia de Tenorio, no concello de  Cerdedo-Cotobade, foi escenario dun dos máis terríbeis crimes cometidos polos fascistas na Galiza. A este respecto, o historiador Manuel Igrexas sinalou que "a crueldade e exemplaridade do masacre do Tenorio é unha mostra do tipo de represión que emprega o réxime franquista".

"Ademais de buscar a destrución da capacidade de resistencia das organizacións obreiras", escribiu Igrexas, "o obxectivo era enviar unha clara mensaxe: é perigoso "meterse en política", ou sexa defender e loitar polos dereitos de todos". Neste sentido, certificou que "se trataba de crear unha "nova España" mediante a masiva socialización do medo e a busca da adhesión explícita da poboación".

Os catro de Arbo

As 11 persoas asasinadas na Volta do Couto chegaran detidas á illa de San Simón desde Arbo (comarca da Paradanta), A Estrada (comarca de Tabeirós-Terra de Montes) e Lalín (comarca do Deza). Así, residían no primeiro concello Alfonso Alonso Portugués, Juan Alonso Pérez, José Gómez Sampayo e Telmo Rodríguez Alonso, tendo enderezo no segundo municipio Antonio Picallo Buela.

Os veciños de Arbo executados na Volta do Couto militaban no republicanismo burgués de esquerdas e destacaban polo seu relevo social na localidade, derivado nalgúns casos das súas profesións, Juan Alonso era mestre e José Gómez médico, mais tamén do seu compromiso coa comunidade.

As outras seis persoas executadas en Tenorio residían en Lalín. Deste municipio eran veciños Luís Frade Pazos, José López Bermúdez, Ramiro Granja González, Luís Varela Sobrado, Eliseo Garra Lalín e José Montouto Rodríguez. Segundo documentou o historiador Manuel Igrexas, todos eles destacaron como dirixentes sindicais, xogando un papel central na conformación do movemento obreiro na localidade.

O 'paseo' desde a illa de San Simón

Igrexas reconstruíu as últimas horas de vida dos mártires de Tenorio. Así, lembrou que "na noite do día 8 [de novembro] un grupo de falanxistas vai ao lazareto [de San Simón] cunha lista para sacar a once presos pretextando un traslado á prisión de Pontecaldelas. Son de Lalín e Arbo. A memoria popular fala de que entre os executores estaban os propios falanxistas lalinenses, extremo que é practicamente imposíbel confirmar".

"A expedición parte de Redondela cara Pontevedra", escribiu Igrexas, "logo colle a estrada de Ourense, e ao chegar á Volta do Couto, en Tenorio, [concello de Cerdedo-Cotobade] deteñen o camión, ordénanlles baixar e alí mesmo abren fogo contra eles. Despois os falanxistas van polas casas da aldea de Filgueira petando nas portas e obrigando aos veciños a preparar un carro con palla para trasladar os cadáveres".

Uns cadáveres perdidos

Os restos mortais destas 11 vítimas do franquismo continúan perdidos e lonxe dunhas familias que loitaron durante décadas para recuperalos. As escavación realizadas en 2009 no cemiterio parroquial de Tenorio para tentar recuperar os seus restos fracasaron, xa que foran depositados no osario, mesturados con outros e sen posibilidade de identificalos.