103 anos despois, Nebra mantén a lembranza das súas mártires

Monólito de lembranza ás vítimas de Nebra [Imaxe: Paco do Martelo]

12 de outubro, un día para render homenaxe ás seis vítimas mortais masacradas en Nebra (Porto do Son) pola Garda Civil en 1916 cando se manifestaban contra un gravame inxusto e abusivo.  Este sábado nesta parroquia volverase homenaxear aquelas mulleres.

Era 12 de outubro de 1916 cando un grupo de veciños e veciñas de Nebra (Porto do Son) erguían a súa voz nun protesto na ponte de Cans para botaren abaixo un imposto que lastraba a súa actividade agraria e que fora ordenado polo alcalde para saldar o déficit nas contas de 1915.

Por volta de 300 veciños e veciñas mobilizábanse ese día pacificamente contra o embargo dunha vaca a un veciño polo impago do tributo especial. A Garda Civil disparou indiscriminadamente. Resultaron feridas de bala 32 persoas e faleceron Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Generosa Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneira e Antonio Sobrado Luaces.

O protesto na ponte de Cans non era a primeira mostra de rexeitamento do tributo por parte da veciñanza. De feito, a Liga Agraria de Nebra convocara reunións e concentracións en abril de 1916, unhas mobilizacións que tiveron continuidade até o fatídico 12 de outubro. Ao longo deses meses, todas as peticións dos veciños e veciñas foran desatendidas polo Goberno local.

Actos de homenaxe

103 anos despois, continúan os homenaxes ás vítimas daquela masacre e lembrar a revolta agraria. Haberá ofrenda floral organizada por descendentes daquelas persoas. Ás 10:00, no local veciñal da Comunidade de Montes, exposición "Paco do Martelo no recordo", unha recompilación en fotos e vídeos das distintas homenaxes celebradas estes anos. 18:00, ofrenda floral ao pé do monólito na ponte de Cans. O domingo 13 de outubro, realizarse unha misa na igrexa de Nebra en recordo das vítimas .

O BNG organiza, ás 18:00 horas, unha ofrenda floral no monolito á memoria das vítimas, en Ponte de Cans.