O Reino de Galiza no mapa de Al Biruni
É unha das grandes cartografías da cultura árabe de matriz persa. Elaborado a camiño entre o século X e o XI, dátase como ano do seu remate 1030, sendo decisiva a súa influencia noutros mapas posteriores. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 284.
O seu autor, Ahmad al-Biruni, foi un dos máis relevantes científicos do seu tempo. Nado en Katz, Uzbekistán, en 973 e morto en Gazni, Afganistán, en 1048, sinalouse como historiador, xeógrafo, farmacéutico, astrónomo e matemático. Calculou o radio da esfera terrestre cun erro inferior ao 1%, un resultado que o mundo occidental non chegou a ter até o século XVI, sendo o grande impulsor dos estudos nos campos das análises combinatorias. Políglota destacado, o que lle permitiu ler e relacionarse con xente moi diversa, grande viaxeiro, aspecto que sería central nas súas cartografías, mantivo contactos cos grandes intelectuais do tempo como Avicena ou Abu Mansur.
O mapa de Al Biruni, tamén coñecido como Alberuni, fai especial referencia ao continente asiático, sendo menor a información que achega de África e Europa, onde só se refire ás cidades de Roma, Córdoba e Constantinopla e aos reinos de Rusia, Frantz, a Franza, Andalus e Dzelikia. As fontes utilizadas para a cartografía do espazo peninsular proceden fundamentalmente das súas lecturas, da correspondencia que mantivo con personalidades de Andalus e das propias fontes arabés anteriores. O usbeco mantén a diferenza común na época, utilizando o nome de Galiza para significar o espazo do reino cristián ibérico, e Andalus, para designar o espazo musulmán, distinción que se manterá até o século XIV.
[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques habituais]