Brasil decide hoxe entre manter o rumbo de esquerdas ou volver aos tempos da dereita

Dilma Rousseff

Dilma Rousseff e Aècio Neves mídense na volta definitiva das presidenciais, cunhas enquisas moi igualadas nas que os poderes clásicos do continente queren rematar coa xeira de doce anos do Partido dos Trabalhadores.  

A mandataria brasileira e candidata á reelección, Dilma Rousseff, e o líder opositor, Aécio Neves, afrontan hoxe unha elección de complicado prognóstico na segunda volta das presidenciais, moi abertas e cunhas enquisas igualadas, nas que a candidata do Partido dos Trabalhadores acabou obtendo unha pequena vantaxe sobre o da dereita, que aspira a poñer fin ao ciclo que abriu hai anos Lula da Silva.

Mídense nas urnas dous proxectos totalmente distintos: Rousseff pode presumir da boa xeira histórica do país desde que o goberna o seu partido, malia que escándalos de corrupción -asumidos e polos que pediu desculpas- teñan ensuciado a súa xestión, moi apreciada polas esquerdas do continente.

Estados Unidos e o empresariado de elite queren a vitoria de Neves, namentres os apoios de Dilma proceden das clases populares

Neves representa á dereita clásica de América do Sur, co apoio do grande empresariado e tamén con  intereses de EUA detrás. Conta así mesmo co apoio da derrotada na primeira volta, Marina Silva. Utiliza a corrupción como arma e cun programa neoliberal máis ou menos camuflado intenta conseguir apoios entre o descontento e quen pide un cambio logo de doce anos do PT no poder. 

Rousseff -cuxos apoios pertencen sobre todo ás clases populares, mesmo a das favelas- insiste en que o proxecto de mudanza total do Brasil que comezaron a principios dos 2000 non pode pecharse agora e baseou a súa campaña da defensa do legado da súa formación, moi por riba das promesas de futuro, que resume na idea de “mudar aínda máis”. Comezou esta campaña con dúbidas, pero o último debate decantouse ao seu favor. Hoxe as urnas falarán, nunha data histórica.