A Xunta achaca á chegada de poboación do exterior o predominio do castelán na Galiza

Valentín García participou este 11 de outubro na a presentación das novas ferramentas do portal Neofalantes.gal. (Foto Mónica Arcay Carro)
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegurou que as cifras actualizadas polo IGE este 11 de outubro sobre coñecemento e uso do galego son "un reflexo da sociedade".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, alegou esta sexta feira que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castelanfalantes na Galiza. Foi unha das valoracións que o representante autonómico fixo tras se coñeceren os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que sinalan que a poboación que fala sempre castelán xa é maioritaria e un terzo de crianzas de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" en galego.

As cifras derivan da actualización que realiza este 11 de outubro o instituto demoscópico do módulo específico de coñecemento e uso do galego da súa enquisa estrutural a fogares (unha información realizada a partir de case 10.000 enquisas).

Boa comprensión

En concreto, o estudo que publica o IGE certifica que son xa máis os cidadáns que residen en Galicia fálanos sempre en castelán –un 29,66%– que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua –24,37%–. Mais sobre isto, o Goberno galego destaca que 7 de cada 10 persoas comunícanse en galego, un 69,25%.

"O galego continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio", incidiu Valentín García, quen remarcou ademais que "practicamente 100% da poboación é capaz de desenvolverse en galego na súa vida".

Nesta liña, sinala que ao redor de 94% das persoas comprende o galego e un 84,35% da sociedade "ten competencias" na escrita. Así mesmo, Valentín García precisou que a enquisa engade que neste período de tempo a poboación do exterior que chegou á Galiza é de máis de 115.000 persoas.

"Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos a deseñar medidas", puntualizou.

"Reflexo da sociedade"

Para Valentín García, os resultados deste estudo "constatan que a situación sociolingüística da Galiza é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento do galego por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos".

O secretario xeral expresouse así durante a presentación das novas ferramentas do portal Neofalantes.gal, plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.

Por outra parte, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, preguntado polos datos do instituto de estatística, limitouse a compartir as palabras do secretario xeral e sinalou que, a falta de estudalos con detemento, son "un reflexo da sociedade".