De xógaras, xogas, xogatas e xogantíns
Bicha (a).- (Ademais de significados xa rexistrados). O as de bastos, no xogo de cartas.
Lugar de escoita.- Sta. Mariña (Covelo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
Cheíñas.-(Variante de chaíñas) Dise da persoa torpe para un xogo ou un deporte.
Lugar de escoita.- Cuntis.
Fonte.- Marcos Seixo.
Pepa (a).- (Ademais doutros significados) Carta da baralla chamada "sota". Exemplo: A pepa de ouros.
Lugar de escoita.- A Coruña.
Fonte.- Henrique Harguindey.
Outros apuntamentos.- A fonte indica que esa denominación eufemística é máis utilizada polas mulleres, pois moitos homes optan por nomeala “a puta”.
Piote.- (Ademais de significados xa rexistrados) Mazo de cartas que en varios xogos, despois de repartir o número establecido a cada xogador, queda boca abaixo e de onde os xogadores poden ir collendo unha a unha cando lles toca.
Lugar de escoita.- A Coruña.
Fonte.- Henrique Harguindey.
Puzo.- (Ademais doutros significados relacionados coa auga) Morea de cartas formado polas que van deixando os xogadores por orde, en varios xogos.
Lugar de escoita.- A Coruña.
Fonte.- Henrique Harguindey.
Outros apuntamentos.- Os participantes teñen a opción de coller unha carta do piote ou do puzo.
Tello.-(Ademais de para outros usos xa coñecidos) Anaco de pedra ou tella que se utiliza no xogo do castro de pé. Exemplo de uso: "O tello está tocando a raia"
Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota.
Fonte.- Mar Llinares García.
Pedras, (xogo das).- Tamén chamado das pedriñas. Bótase unha ao aire e nese intre tense que coller unha do chan.
Lugar de escoita.- Sur de Galiza.
Fonte.- Remedios Rodríguez e Obdulia Soto./ C.D. Atalaia- Vigo.