Xabier Fortes e o profesor Antonio José Meilán, Premios Folgueira 2025 pola súa defensa do galego de Asturias
A asociación Axuntar, entidade pola normalización do galego de Asturias, anunciou os galardoados cos Premios Folgueira 2025, que distinguen cada ano persoas e institucións comprometidas coa dignificación da lingua galega no territorio asturiano. Nesta terceira edición, o premio principal recaeu no xornalista Xabier Fortes López, mentres que o Premio Folgueira de Honra foi concedido ao profesor Antonio José Meilán García, figura esencial nos estudos sobre o galego do Eo-Navia.
A entrega dos galardóns decorrerá o 14 de novembro no Club de Prensa Asturiana do diario La Nueva España, en Uviéu. O acto contará coa participación dos doutores Xabier Barcia e Natalia Jardón, o filólogo Santiago Somoza e o presidente de Axuntar, Moisés Cima, e as persoas asistentes recibirán como agasallo o III Informe sobre a lingua do Eo-Navia, editado pola asociación.
Axuntar recoñece en Xabier Fortes, director e presentador do programa La noche en 24 horas de RTVE, o seu "especial aprecio polo galego de Asturias" e o compromiso manifestado desde os medios de comunicación coa diversidade lingüística e cultural do Estado español. O xornalista, licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense, conta cunha ampla traxectoria profesional, con máis dunha ducia de documentais e numerosas colaboracións na prensa escrita.
Pola súa banda, o profesor Antonio José Meilán, doutor en Filoloxía Románica e catedrático da Universidade de Oviedo, é un dos principais referentes na investigación e defensa do galego de Asturias. Autor de traballos fundamentais sobre a variante do Eo-Navia, foi director da revista Britonia e coautor das primeiras Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Galego de Asturias, publicadas en 1990 coa colaboración das Consellarías de Cultura da Xunta da Galiza e do Principado de Asturias.
As esculturas que simbolizan os premios, representadas cunha folla de folgueira (fento), son obra do ceramista castropolés Javier Cancio. Axuntar lembra que os Premios Folgueira naceron para "honrar a quen axuda a reverter o abandono das linguas minorizadas e a dignificar o galego falado en Asturias".
Nas edicións anteriores foron recoñecidos o artista Rodrigo Cuevas, polo seu labor cultural e activismo lingüístico, e o filólogo Carlos Xesús Varela Aenlle, autor do primeiro Dicionario do galego de Asturias. As Folgueiras de Honra distinguiron tamén figuras pioneiras como Benigno Fernández Braña e o doutor Xoán Babarro González, polos seus estudos e compromiso coa lingua galega en terras asturianas.