Entrevista

Tareixa Navaza: "É fundamental que o 17 de novembro se sumen en Compostela voces á defensa do idioma"

Tareixa Navaza, pioneira do xornalismo en galego, onte en Compostela. (Foto: Alba F. Freixanes).
A xornalista Tareixa Navaza será a encargada de dar lectura á declaración unitaria que recolle medidas urxentes para "mudar o rumbo do galego". Farao na asemblea aberta pola lingua que este domingo decorrerá en Compostela convocada por Queremos Galego.

—Como entende que se debe defender o galego?  
A lingua é para min o alicerce e todo o edificio do país. Somos galegas e galegos por ter unha lingua propia. Senón, seriamos doutro territorio. Cada vez que se maltrata un idioma e non se defende con dignidade está en perigo. O día que morre un idioma morre o país e a cidadanía. Hai que explicar desde o inicio ás cativas e aos cativos o valor que teñen os idiomas e hai que separalo do poder económico. Defendo que é un tema de educación. Desde as escolas até a propia universidade, que non se creou como unha fábrica de traballo, senón para formar o ser humano.

De cara a este domingo, é fundamental que se sumen voces á defensa do idioma. Non temos que crear unha sociedade de robots onde todo sexa igual, vivas onde vivas. O máis prezado que temos é a nosa lingua e o noso territorio.

—Ten rexeitado un premio da Xunta da Galiza como acción de protesta. Cre que debería seguirse ese exemplo para visibilizar a situación da lingua? 
Entendo que é moi atractivo ter premios, poder, sona e diñeiro, mais hai un momento en que está en xogo a ética e a dignidade dun pobo, tamén a túa como profesional. Hai que responder de maneira pública ao que acontece. Lembro cando estiven oito anos no Consello de Administración da CRTVG, proposta polo BNG, e coñecín a balea por dentro. Chegamos a gañarlles un xuízo, negando as evidencias. Acontece agora coas declaracións do conselleiro de Cultura que afirma, con ton de desprezo, que o que acontece co galego "é política". Claro que si. Todo é política, desde a sanidade pública que queren destruír até a educación pública que queren eliminar.

Están no poder para destruír. Non fan medidas en ningún destes ámbitos como tampouco o fan para defender o idioma galego que é do que viven. A evidencia está nas subvencións extraordinarias que dan aos medios de comunicación que só empregan unha páxina de xornal en galego. Pola contra, outros, como é o caso de Nós Diario, que está todo en galego, non recibe subvención.

—Como ve precisamente o papel dos medios públicos galegos na proxección da lingua e no tratamento da información.
Un país non funciona sen uns medios de comunicación que poidan informar con veracidade e dignidade, respectando o código deontolóxico e servindo o país que teñen que servir. A CRTVG nace para defender a cultura, a lingua e só se debe á cidadanía galega. Non me importa quen estea no Goberno galego, mais levamos case toda a vida en democracia co PP na Xunta, e está nestes momentos dinamitando os seus alicerces máis fondos. Se non fose polo galego posibelmente a CRTVG non existiría.

Están vivindo a custa do galego, fórranse co diñeiro dela e dinamítano. Nunca o galego estivo tan mal como agora. Neste sentido, boto moito en falta a reivindicación da Facultade de Comunicación en defensa do persoal da CRTVG que está en folga e defendendo o código deontolóxico.