Supoñamos que estamos en inverno
ben deitar de.- Expresión que co verbo conxugado é case sinónimo de “menos mal que”. Exemplo: “Co frío que facía, ben deitei de traer abrigo”.
Lugar de escoita.- Mariña luguesa.
Fonte.- Xabier Paz.
cabañón.- (Ademais doutros significados rexistrados) Chámase así a cada pau longo que se lle pendura ao palleiro de arriba a abaixo co fin de que a palla aguante os embates do vento. Adoitan utilizarse unha ducia máis ou menos (de carballo normalmente) que se atan ao palleiro despois de lle colocar a este unha capa de palla enriba para que defenda da chuvia a herba e esta non podreza.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.
Outros apuntamentos.- Aínda que hai algún dicionario que recolle este significado, pareceunos interesante unha definición tan explícita e completa.
escouria.- Sinónimo de carbeso, guilsa (vento frío e seco).
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.
puxas.- Xestas ou uces secas para prender o lume.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.
suédrego.- (Adxectivo) Dise do día gris, frío e tristeiro.
Lugar de escoita.- Xove (Mariña luguesa).
Fonte.- Marica Campo Domínguez.
xaramiño.- Irisación sobre o mar ou os tombos do mar que fan os remuíños de vento de forma esporádica.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
xoca.- Termo comodín usado en expresións do tipo: “arrepióuseche a xoca” (se a persoa ten frío ou está mollada) ou “como che anda a xoca?” (para preguntar polo estado xeral dunha persoa).
Lugar de escoita.- A zona de Amoeiro (Ourense).
Fonte.- Carlos Manuel Gómez Bóveda.