Quen ata e desata, que teña conta co que trata
Biorto.- (Ademais de significados xa rexistrados) Corda feita coa palla do palleiro logo de rematado este.
Lugar de escoita.- Carbeiral- Bardaos (San Sadurniño)
Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro. (Xeriátrico Ortigueira. Gelo Paz Rodríguez).
Outros apuntamentos.- Empregábase desta maneira: un home rispaba na palla do palleiro e outra persoa, que polo xeral era un cativo, retorcía dende a punta e tiraba para fóra o suficiente como para que pasara de lado a lado do palleiro polo curuto. En ambos os dous extremos poñíase unha pedra amarrada para facer contrapeso e non levase o vento nin o biorto nin a palla do palleiro.
Barazola.- Corda de carro pequena.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
Chamar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Tirar, palmear unha corda ou palangre.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
Liame.-(Ademais de significados xa rexistrados) Corda grosa do carro.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
Periquete.- (Ademais doutros significados) Pelo curto atado cunha goma ou cinta.
Lugar de escoita.- Negreira (A Coruña)
Fonte.-Carmen Souto Negrete. (Por medio de Orcelina Parada).
Travinca.- Corda pequena coa que se atan os fungueiros.
Lugar de escoita.- Pedrafita.
Fonte.- Suzana do Páramo.
Simosa.- Lazada, xeito de facer un lazo, con corda, cinta ou similar.
Exemplo: “Faille unha simosa ás amalloas dos zapatos, que vas caer”.
Lugar de escoita.- Coucieiro(Val do Dubra).
Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga.
Outros apuntamentos.- A fonte quere facer constar que no lugar de escoita existe o seseo e transcribe a palabra tal como a escoitou.
Palabras con Memoria é unha sección coordenada pola AELG. Todo o material recollido pode acharse aquí.