1919: o primeiro 'libro de texto' sobre literatura galega
Entre os seus compañeiros de claustro no Instituto de Pontevedra estaban Castelao ou Losada Diéguez. E entre os seus alumnos, Antonio Fraguas ou Filgueira Valverde. Mais foi en 1919 Alfredo de la Iglesia (1861-1933) quen redactou o primeiro manual escolar de literatura galega do que hai noticia. O profesor Xesús Alonso Montero vén de rescatalo nunha edición facsímile publicada pola Real Academia Galega.
Alonso Montero mergullábase nos arquivos da rúa Tabernas -que garda a documentación da familia De la Iglesia- á procura de información sobre Santiago, irmán de Alfredo, médico, socialista e “librepensador radical”. “Pero axiña abandonei, aínda que hei recuperar esa liña, polo seu irmán, outro librepensador un pouco menos esquerdista pero con virtudes e calidades moi interesantes”, explica o tamén académico a Sermos Galiza.
Velaí que Alfredo de la Iglesia redactou, a man e en castelán, o seu Resumen de la Historia de la Literatura Gallega. Nel aparecen os trobadores e o Rexurdimento, a xeración de entre séculos e as escritoras e escritores que lle eran contemporáneos. Usouno até 1931, cando se xubilou. “Se non topou problemas coa oficialidade daquel tempo [a ditadura de Primo de Rivera]”, sinala Alonso Montero, “foi porque non tiña veleidades galeguistas”. De asinalo un Castelao ou un Losada Diéguez, é probábel que si tropezasen coa autoridade competente, aventura.
Mais non unicamente de razóns pedagóxicas se serviu De la Iglesia. “Iso foi o principal, pero houbo outros motivos”: facer xustiza. Co seu pai e co seu tío, figuras serodias do Rexurdimento que “non se levaban moi ben con Murguía, que era quen estabelecía o pensamento hexemónico sobre o que era a literatura galega”. Todo o reflicte o Resumen de Alfredo de la Iglesia.
A edición
O intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de Literatura Galega para escolares de Instituto (1919) é como se titula a edición facsímile ao coidado de Xesús Alonso Montero e número catro da colección Letras da Academia. Inclúe un estudo de cen páxinas, a reprodución do manual e outros materiais relacionados dos fondos de De la Iglesia, por caso os apuntamentos da materia dalgúns estudantes.
As seguintes experiencias no ensino do galego, aínda á marxe da legalidade, pasaron polo curso de Filgueira Valverde en 1933 na Facultade de Letras de Compostela ou polo Catón galego de Ben-Cho-Shey, redactado na República e que ía levar prólogo de Alexandre Bóveda. Ficou inédito até que o rescatou, para Ediciós do Castro en 1969, Xesús Alonso Montero.