Palabras con memoria: non vai faltar comida
fritingallo.- Comida fritida con exceso de aceite.
Exemplo.- “Non volvo ao furancho do Pereiro, nada máis que poñen fritingallos.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Emma Pazos Abalde.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con gheada. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.
galdrumada.- (Á marxe doutros significados) Comida doce, larpeirada.
Exemplo.- “Na festa de aniversario do neno só había galdrumadas.”
Lugar de escoita.- Gondomar.
Fonte.- José Antonio Rodríguez Suárez.
lambela/o.- Animal ou persoa moi escollidos para comer; que só come o mellor.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.
muíño (comer como un).- Comer moi rápido.
Exemplo.- “Ese neno come como un muíño; rematou antes que todos.”
Lugar de escoita.- Cerceda.
Fonte.- Fiamma Micaela Silva Candal/ CPI O Cruce de Cerceda.
panecha.- Barra de pan.
Lugar de escoita.- Cerceda.
Fonte.- Noelia Fraga Bello/CPI O Cruce de Cerceda.