Palabras con memoria: cores
28 de marzo de 2024 (13:33 h.)
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
basear.- (Ademais de significados xa rexistrados) Perder cor.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
chamón/chamona.- Excesivamente cargado de cor, rechamante.
Exemplo.- “Levaba unha blusa moi chamona”. “Esa porta está pintada dun verde moi chamón.”
Lugar de escoita.- Lugo.
Fonte.- Henrique Harguindey.
derrubear.- Poñerse de cor rubia (colorado/a). Tamén hai a variante derrubiar.
Exemplo.- “Olla o que derrubea alá no teso do Castro.”
Lugar de escoita.- Zona de Navia de Suarna.
Fonte.- ENDL Navia de Suarna.
pilrado/a.- Cor cinza.
Exemplo.- “Non me gustan nada os galos pilrados.”
Lugar de escoita.- Quireza (Cerdedo-Cotobade).
Fonte.- María Asunción Álvarez Touriño.