Palabras con memoria: no corpo...
carrafuza.- Alude aos mocos aloxados no nariz, ou máis ben aos solidificados.
Exemplo.- “Porco, non andes tocando as carrafuzas!”
Lugar de escoita.- Ferrol cidade, pero suponse un ámbito máis amplo.
Fonte.- Xoán Ignacio Taibo.
faba do mel.- Forma para denominar o nó da gorxa, noz de Adán ou mazá de Adán, que segundo Constantino García tamén chaman castaña en Portugal.
Lugar de escoita.- Trasar de Carballo.
Fonte.- Anxo González Guerra.
Outros apuntamentos.- Di a fonte que se lle adoita dicir ás meniñas e meniños: “Vouche coller/buscar a faba do mel” e fáiselles cóxegas debaixo do papo como se lles fósemos coller a noz, o nó da gorxa.
gabuxas.- Cóxegas.
Lugar de escoita.- Comarca do Barbanza.
Fonte.- Carlos Mosteiro.
pachena.- Persoa en posición de decúbito supino.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Henrique Dacosta.
relos.- Sorte de formigo que fai que unha persoa non pare quieta, movendo espasmodicamente algunha parte do seu corpo, extremidades por exemplo.
Exemplo.- “Que che pasa que parece que tes os relos? Non paras quieto.”
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Henrique Dacosta.
sarcelos.- (Ademais de significados xa rexistrados) Mocos.
Lugar de escoita.- Parroquia de Son (Navia de Suarna).
Fonte.- ENDL Navia de Suarna.