A oposición cuestiona a vontade para impulsar o galego da Xunta da Galiza

Acción reivindicativa organizada por integrantes da plataforma Queremos Galego na tribuna de visitantes do Parlamento, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
O Parlamento galego viviu esta cuarta feira un Pleno tenso con preguntas de BNG e PSdeG sobre a situación da lingua. Ambas as dúas formacións criticaron a actitude da Administración galega fronte ao que consideran "unha situación crítica do galego". Desde a Xunta, José López insistiu en ter un pacto "sosegado"

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, pediu esta cuarta feira no pleno do Parlamento  "coherencia" á oposición na súa postura ante o galego, contrapondo a súa actitude ante as negociacións do Pacto pola Lingua e, entre outras cuestións, a repartición de fondos do Perte das Linguas. 

Ademais, reivindicou a necesidade dun pacto "sosegado" ao redor da actualización do Plan de Normalización da Lingua galega e de que todas as forzas políticas participen nas reunións sobre isto que comezaronesta cuarta feira na Cidade da Cultura. 

Así se expresou para responder a dúas interpelacións sobre a situación do idioma presentadas na Cámara polos grupos socialista e nacionalista. 

"Bilingüismo harmónico"

A deputada socialista Silvia Longueira comezou cuestionando as últimas decisións da Xunta respecto ao idioma, como o proxecto de lei da Crtvg, que" abre a porta á utilización do castelán", ou a enquisa de percepción social do galego encargada a Sondaxe, "con oito veces menos persoas consultadas que a realizada polo Instituto Galego de Estatística, estamento oficial da Xunta para este tipo de traballos". 

"Ao parecer, eses datos e a manifestación non gustaron", deslizou Longueira. Para a deputada, estas accións fan "dubidar" das intencións da Administración, aínda que insistiu na súa disposición. "Crearon un problema en 2009 co chamado bilingüismo harmónico, que xa dixen en varias ocasións que nin é bilingüismo nin é harmónico, e agora a alguén do PP ocórreselle que hai que desfacelo". 

"Acoso e derrubamento"

Pola súa parte, a deputada nacionalista Mercedes Queixas expresouse nos mesmos termos, criticando o que cualificou dunha política de "acoso e derrubamento" do galego, unha lingua en estado "crítico".

Para achar unha solución, pediu "recoñecer o diagnóstico e mudar o rumbo das políticas". Neste sentido, considerou que  "isto é o que nos demandan os colectivos que traballan co idioma e a inmensa maioría da sociedade galega", por ver que "o galego está en emerxencia lingüística e iso non é unha percepción do BNG, son datos contrastados e oficiais".

"O galego non é a lingua maioritaria da Galiza despois de trece séculos e un de cada tres menores de 13 anos non ten as competencias necesarias para expresarse en galego. Onde está a imposición do galego que defende?", interpelou Queixas ao conselleiro. Ademais, sinalou que o galego "é a única lingua do país que perde falantes" e apuntou, como unha das causas, contar cunha "escola desgaleguizadora" impulsada polo PP. A este respecto, lembrou que a Xunta se nega a facer as avaliacións anuais tal e como recolle o Plan.

Xa na quenda de réplicas á súa intervención, a parlamentaria nacionalista tratou de "desleal e hipócrita" a defensa que fixo José López Campos da enquisa privada encargada pola Xunta da Galiza.