Unha acción reivindicativa no Parlamento interrompe o pleno e acrecenta o debate sobre o futuro da lingua

Unha trintena de activistas pola lingua interromperon o conselleiro José López Campos durante o pleno do Parlamento. (Foto: Nós Diario)
A protesta pola potención real do galego produciuse en presenza do conselleiro de Lingua, José López Campos.

Activistas pola lingua e membros da plataforma Queremos Galego irromperon por sorpresa esta cuarta feira no pleno do Parlamento da Galiza para salientar a situación de emerxencia lingüística do galego e reclamar políticas activas para a defensa e a promoción do idioma.

O acto reivindicativo, na recta final dun debate sobre o futuro da lingua desenvolvido a proposta de BNG e PSdeG, no que tamén participou o conselleiro de Lingua, varias persoas interromperon José López Campos durante máis dun minuto para chamar a atención do hemiciclo e reclamar políticas para unha normalizaciñon real do galego. 

Perto de 30 activistas improvisaron unha cantiga pola lingua que motivou a amonestación de Elena Candia, vicepresidenta do Parlamento, quen mandou chamar os servizos da Cámara para desaloxar a zona de convidados.

Interpelacións

O pleno do Parlamento acolleu esta cuarta feira senllas interpelacións ao Goberno galego sobre a situación da lingua presentadas por PSdeG e BNG. Silvia Longueira en nome do grupo solcialista referiuse á existencia de acordos coa Mesa pola Normalización Lingüística ou acordos de consenso a través da Lei Valentín Paz Andrade que estabelecen unha serie de medidas que, "de ningún xeito, vemos que estean materializadas".

Por este motivo, instan a Xunta a dar cumprimento ás diferentes peticións "recollidas e consensuadas desde hai tempo no Parlamento da Galiza" e concretaron unha pregunta dirixida a López Campos: "Cal é o calendario previsto polo conselleiro de Cultura para dar cumprimento dos acordos acadados, neste Parlamento, en defensa e promoción do galego?".

Desde o grupo nacionalista, a deputada Mercedes Queixas, tomou a palabra no hemiciclo para reclamar á Xunta "activar medidas que axuden a reverter a actual situación de emerxencia lingüística en que se encontra o galego ".

Na súa exposición de motivos exhibiu os datos de coñecemento e uso do galego publicados no mes de novembro de 2024 polo Instituto Galego de Estatística, a continuada perda de falantes que reflicten todas as enquisas e "a función desgaleguizadora da escola desde a imposición unilateral do PP do Decreto 79/2010 do plurilingüismo que, 15 anos despois, se confirmou que cumpriu os seus obxectivos políticos: avanzar no proceso de substitución lingüística e, consecuentemente, no monolingüismo en castelán", referendada tamén, din, pola Real Academia Galega.

O BNG chama a "impulsar no curto prazo un conxunto amplo de medidas, como as que seguen vixentes no último gran pacto pola lingua que representou o Plan xeral de normalización da lingua galega (2020), incluíndo o imprescindíbel cambio de modelo educativo de cara ao vindeiro curso escolar". A situación do galego é de emerxencia mais tamén "reversíbel", salientaron as nacionalsitas.