O machismo continúa nos dicionarios
Os dicionarios recollen o falar da sociedade. Porén, se a sociedade é machista, éo tamén a linguaxe? Debería a Academia dar exemplo e erradicar da nosa fala palabras e expresións que quedaron no pasado? Eis unha selección de palabras que continúan a arrastrar nesgos de machismo.
A palabra home ten até sete acepcións, porque é incluída como sinónimo de ser humano ou integrante dunha autoridade. Ademais, recóllense numerosas expresións como “home de mundo” ou “de negocios”. En cambio muller ten só tres acepcións e ningunha expresión. Algo semellante pasa con pai e nai. Mentres que do primeiro hai até seis acepcións, da segunda só hai unha e expresións como “de familia” só se aplican a pai. Mais expresións vinculadas á muller hai dabondo, como é o caso de “Muller de rúa”, sinónimo de prostituta, cando se busca rúa.
Tamén modista ten dous significados, o de persoa que cose, en cuxo exemplo hai un home, “Un modisto galego de fama internacional” e o de muller que cose, se cadra máis sexista, pois perde o concepto de “alta costura”. Ademais, ten como sinónimo a palabra costureira, da que non ofrecen unha versión masculina. Igualmente, a persoa que atende outras nun bar é un camareiro, a que fai as camas nun hotel, unha camareira.
Coqueta é un caso curioso, xa que cando se trata de roupa, o exemplo é unha muller mais cando se trata de seducir é un home. Con todo, tampouco é estraño, xa que en sedutor aplícase a expresión “en particular o home que seduce unha muller”.
Se nos trasladamos á infancia, unha boneca é algo co que xogan as mulleres, ou mesmo as propias mulleres. No entanto, quen rube árbores son os nenos.
Con todo, nos últimos anos a Academia deu grandes avanzos en materia de modernización. No ano 2016, entre as melloras na web, incluiuse a busca preditiva de femininos nas palabras con variación de xénero. Ademais, palabras como apoderamento e endometriose foron engadidas ao dicionario.