Koldo Tellitu: "Rachar o modelo público para integrar nel as escolas autoxestionadas"
—Fálenos da implantación das ikastolas. En que situación se atopan agora mesmo?
Estamos en todo Euskal Herria, temos un desenvolvemento máis ou menos regular e neste momento hai 111 ikastolas con arredor de 60.000 alumnos e alumnas e unhas 5.500 persoas traballadoras. Na nosa Comunidade Autónoma isto supón arredor de 18% do sistema educativo, en Navarra un pouco menos, arredor de 10%, e en Iparralde (País Vasco francés) estámonos a achegar tamén a ese 10%. Estamos moi asentados e somos unha referencia.
—Podería facernos a comparativa desa situación coa das Escolas de Ensino Galego Semente?
A situación de Semente é emerxente, parecida á das ikastolas hai anos ou á que pode haber hoxe en día en Iparralde. Vemos moi interesante a súa aposta por pór en marcha centros aínda que sexa con pouca matriculación, co pensamento de que a medio prazo iso se pode desenvolver. Na Semente hai xente moi militante que cre no proxecto e en nós, na nosa historia, vimos que é un aval moi importante. A participación da comunidade escolar, a relación coa xente e cos movementos populares, traballar dun modo autoxestionado... son elementos moi importantes para medrar.
—Estamos sempre no debate ensino público-privado, onde encaixan as ikastolas?
Temos unha aposta moi clara, cremos que o concepto do público non pode limitarse á titularidade, consideramos as ikastolas un servizo público, e evidentemente, a Semente tamén. Temos que romper co modelo do público vixente no Estado español, cremos que ese debate tamén está moi vivo na Galiza. A nosa chave é a autoxestión e cremos que hai que buscar outro modelo do público, que integre centros que sexan da titularidade da Administración e centros autoxestionados e que entre todos se poida colaborar. É evidente que tanto na Galiza como en Euskal Herria para o desenvolvemento da lingua e do currículo é fundamental que haxa centros que sexan motor popular porque se o deixamos nas mans da Administración podemos estar esperando cen anos sen que haxa movementos.
—A política lingüística depende do Goberno de cada país, desde esta perspectiva, que é o común e o discrepante entre a realidade galega e a vasca?
O que vemos no noso eido educativo é que houbo un freo moi importante na euskaldunización do alumnado, e para iso as diagnoses dos últimos dez anos puxéronnos alerta. A aposta polos modelos lingüísticos ten data de caducidade e temos que ir cara a un sistema de inmersión lingüística. A situación das ikastolas é moito mellor que a da escola pública, o resultado do noso alumnado é uns 25 puntos por riba do alumnado da pública que está no modelo máis euskaldún, pero iso non quita a preocupación. Temos un Goberno nacionalista que non acerta a artellar unha resposta neste eido. É evidente para nós que as ikastolas, neste momento, son áncora e osíxeno para o euskera. Ao falar coas amizades da Semente, vexo que a situación do galego no eido educativo é moi irregular. Xa non se trata de que sexan proxectos predeterminados, senón que máis ben van, na pública, ao arbitrio de cada centro e de cada proxecto e, por tanto, pode haber proxectos públicos cunha aposta decidida e proxectos que non teñan ningunha. É importante a aposta de Semente á hora de garantir o proxecto integral de todo o centro, que chegue non só á asignatura de lingua senón que sexa un elemento transversal.
—Cal é o seu vencello coa semente e os seus proxectos?
Que traballos en común están a desenvolver? A relación coa Semente está a ser intensa, a pandemia frustrou plans que tiñamos na primavera e que retomamos agora. A nivel cultural a implicación da Semente cos movemento sociais na Galiza é moi importante. Entre sistemas educativos de linguas minorizadas, que temos a opresión do castelán e do Estado español, é interesante poder facer cousas en común porque algúns dos problemas que temos son comúns. No aspecto organizativo a Semente aspira agora a crear unha organización nacional e iso é moi importante de cara á relación coas Adminstracións. E tamén queremos achegar ideas no ámbito do financiamento. Somos movementos populares que dependemos, en parte, das achegas do pobo, e vendo o éxito que tiveron en Compostela co crowdfounding para o Projecto Moas nós teremos que aprender un pouco, porque temos outras vías, mais é evidente que un éxito así é difícil de conseguir.
Movemento regueifeiro
Koldo Tellitu destaca a implicación desta escola coa regueifa como unha das moitas tarefas que vencella a Semente coa contorna e o movemento social. "Vexo como as sementiñas regueifan e coido que é moi interesante", destaca. "En Euskal Herria temos cos bertsolaris unha relación tamén moi importante", até chegar a organizar campionatos entre a xente máis nova.
"Pensamos que é fundamental ter relación cos movementos que fomenten a cultura vasca ou a cultura galega, neste caso", afirma o presidente de EHI (Euskal Herriko Ikastolak), que tamén destaca as relacións de Semente con centros sociais como a Gentalha do Pichel, Mádia Leva ou Artabria, "algo que tamén facemos nós cos movementos populares dos diferentes pobos de Euskal Herria para organizar festas, actos... Parécenos fundamental".