O Dicionario da Academia incorpora léxico da Rede

Dicionario en liña da Real Academia Galega.

O Seminario de Lexicografía da rúa Tabernas -a rúa coruñesa onde se atopa a Real Academia Galega- deu entrada no Dicionario da institución a numerosas palabras novas. Moitas delas están relacionadas coa Rede: ciberataque, ciberseguridade, blogosfera, ciberacoso ou xestor/a de comunidade, por exemplo.
 

Ademais, os académicos revisaron no que vai de 2018 unhas 2.200 voces do dicionarios. Entre novas entradas, novas acepcións en termos xa recollidos e mudanzas nas definicións, modificaron 350 voces. Outras palabras incorporadas neste primeiro semestre de ano foron rap, baremar ou tripi.

 

A propia Academia explica nun comunicado que moitas das novas voces cumpren “co obxectivo de ir acdando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación”. Neste sentido, non só aparecen novas palabras, senón que se amplían acepcións doutras. Por caso, na palabra nube, que a partir de agora tamén é “espazo virtual para o almacenamento, xestión e procesamento de datos e información aloxados en Internet a través de servidores remotos”.

 

Rendibilizar, colaborativo, corremundos, aparcacoches e aporofobia -“medo, aversión ou fobia aos pobres e desfavorecidos”- son outras achegas novidosas ao Dicionario. Segundo expón a institución, as vías para a ampliación do depósito de léxico son distintas. Os membros achegan propostas, pero tamén son recibidas por distintas canles procedentes de particulares e institucións.