Comunicado polo Día da Lingua Materna

Unha declaración da ONU, por primeira vez en galego

O Relator Especial de Dereitos Humanos da ONU Fernand de Varennes. Foto: cedida.

“[A lingua] é unha ligazón esencial co noso pasado, o vínculo principal das nosas culturas, e a ferramenta básica para comunicármonos e compartir coñecementos, lembranzas e historia”. Así o explica o Relator Especial de Dereitos Humanos da ONU Fernand de Varennes no comunicado emitido polo Día da Lingua Materna que, por primeira vez, está en galego.
 

“A lingua, para moitas persoas, é un dos principais marcadores do centro da súa identidade, e a súa dimensión é un trazo humano único que se debe asumir e celebrar”, comeza o documento, traducido a 27 linguas. Segundo a Mesa pola Normalización Lingüística, que hai unhas semanas mantivo unha xuntanza con Varennes, é a primeira vez que as Nacións Unidas difunden un comunicado en galego.

 

E faino para conmemorar o 21 de febrerio, Día Internacional da Lingua Materna, establecido pola Unesco en 1999 e recoñecido formalmente pola Asemblea Xeral da ONU en 2008. “Os problemas lingüísticos, con frecuencia, implican importantes dereitos humanos que afectan tanto a minorías como a pobos indíxenas alén dos temas puramente lingüísticos e culturais”.

 

“Como parte da celebración da riqueza e beleza do tecido lingüístico mundial, é imprescindíbel apartármonos da ideoloxía de que as sociedades e Estados deben ter só unha lingua e excluíren todas as demais, cando isto entra en conflito cos dereitos lingüíticos das minorías e dos pobos indíxenas”, afirma o relator, “o Día Internacional da Lingua Materna é unha oportunidade para promover e celebrar a diversidade lingüística e cultural e para recoñecer e protexer os dereitos humanos das minorías e pobos indíxenas en relación coas linguas”.

 

O comunicado lembra ademais que a lingua e a ediucación “centrarán o Foro das Nacións Unidas sobre Cuestións de Minorías” de 2019 e outros foros locais organizados baixo o mandato do Relator Especial da ONU Fernand de Varennes.