Correlingua leva a festa do galego a once localidades: consulta aquí o programa completo

Xerardo R. Roca, Suso Bermello, Celia Armas, Goretti Sanmartín e Anxo Terán, esta sexta feira, presentando o Correlingua 2024. (Foto: Nós Diario)
Concertos, regueifas, obradoiros, concursos e carreiras volven ser a festa de reivindicación do uso do galego na 24ª edición de Correlingua que foi presentada esta sexta feira en Compostela.

Correlingua volverá encher Galiza da reclamación festiva do uso do galego en todos os ámbitos, pero especialmente entre o alumnado. O popular evento desenvolverase en once localidades no vindeiro mes de maio e en cada unha delas participarán alumnas e alumnos dos centros da súa contorna. Concertos, festas, regueifas, obradoiros, concursos son o centro dunha actividade que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición.

Todas as actividades que converterán o vindeiro maio nunha festa das escolas foron presentadas no Concello de Santiago esta sexta feira, facendo especial fincapé na importancia de traballar coa xente nova para garantir o futuro da lingua desde a festa e a celebración. Na presentación participaron representantes das entidades organizadoras: Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Anxo Terán, presidente da AC Correlingua; Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Linguística; Xerardo Rodríguez Roca, da AS-PG, e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo, ademais do de Santiago.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, explicou na presentación de Correlingua a importancia de eventos que chamen pola xuventude e pola rapazada para reivindicar o uso do galego, e que o fagan de maneira "festiva, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o noso idioma e a nosa cultura".

Os representantes das tres entidades organizadoras, CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG, sinalaron a importancia dunha cita que pronto acadará un cuarto de século reivindicando de xeito festivo o dereito ao uso da lingua propia entre as xeracións máis novas. Unha festa na que está implicada toda a comunidade educativa e a as localidades nas que se celebra.

Para Suso Bermello, "Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén é unha reivindicación do dereito das persoas a vivir no seu idioma". O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que en 2000, cando comezou a celebrarse Correlingua "a situación do galego no ensino e na sociedade era dun devalo claro". Bermello recapitulou a situación da lingua desde entón, salientando por unha banda o esforzo para todas as institucións que facilitan a súa celebración, pero chama a atención que a institución que ten todas as competencias, a Consellería de Educación, non participe".

Celia Armas, vicepresidenta da Mesa, explicou as dimensións do Correlingua para este ano, apuntou as datas de celebración das festas que decorrerán o mes de maio engandido que "todas as iniciativas que promove o Correlingua nos centros supoñen na práctica que o "Correlingua estea en marcha todo o ano escolar". Tamén salientou o feito de que Correlingua cumpra 24 anos o que a convirte "nunha das principais referencias na defensa da lingua".

E o presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán, sinalou a importancia de todas as actividades que o evento realiza nos centros, os obradoiros os concursos, os encontros con autoras, actividades que mobilizan aos centros e que tamén mobilizan sectores da cultura do país como o musical.

Terán deu tamén a coñecer os gañadores da convocatoria do Correlingua deste ano que, en total, distinguiu cinco cancións de outras tantas formacións: A Gramola Gominola coa canción ‘Superlingua’, Cuarta Xusta coa canción ‘Presumo de galego’, Mekánika Rolling Band coa canción ‘Miña nai’, Paco Nogueiras coa canción ‘Festa!’ e Pauliña con ‘Pauliña sen faser nada’. Estas bandas e solistas serán as encargadas de animar as festas nas once localidades que este ano visitará o Correlingua.

Calendario de carreiras e festas do Correlingua

  • Sexta feira, 3 de maio - A Coruña, ao pé da Torre de Hércules
  • Segunda, 6 - Narón, no Auditorio Municipal
  • Terza, 7 - Bueu, na Praza de Massó
  • Cuarta, 8 - Lugo, na Praza de Sta María
  • Cuarta, 15 - Ourense, no Auditorio e na Praza Maior
  • Segunda, 20 - Compostela, na Alameda
  • Terza, 21 - A Estrada, na Praza da Feira
  • Quinta, 23 - Vigo, no Parque de Castrelos
  • Sexta, 24 - Monforte, na Praza dos Condes
  • Segunda, 27 - Pontevedra, na Alameda
  • Cuarta, 29 - Burela, na Praza da Mariña

Outras actividades do Correlingua 2024

Tamén se desenvolverán outras actividadades como 'Regueifando!' e 'Desata a lingua' así como o concurso libre de creación artística en galego 'Crealingua' e o concurso de música 'Cantalingua'. Toda a información está dispoñible na web correlingua.gal.