Contos
Os contos dos que falabamos esoutro día son relatos, en xeral ficticios aínda que poidan basearse en sucesos reais ou con visos de ser certos. Poden transmitirse oralmente ou por escrito e coñecermos nós ou non o nome do seu autor, o que nos serve para deslindar a literatura « popular » da « culta ».
Outra cousa son os contos como invencións, fabulacións, lerias e trapalladas que os humanos inventamos, non sempre con ánimo desinteresado e moitas veces por encirrar. Non me veñas con contos, dicimos así, ou Son contos que van para a feira, descualificamos. E a aqueles que sempre andan con contos chamámoslles contiqueiros, contomiñeiros, contomeleiros, etc.
Conto, sen matiz pexorativo ningún, chega a ser equivalente de ‘asunto, cuestión’ (Veña, vai ao conto !/ O conto é que temos que facelo). Unha frase moi empregada en galego é Morra o conto!, equivalente do español No se hable más ! Conto é tamén termo familiar para un obxecto calquera que non nomeamos, un equivalente, logo, a couso, choio, etc : Pásame o conto ese.
Diferente é o substantivo conta ‘cálculo, cómputo’ aínda que ten a mesma orixe que conto : as dúas palabras proceden do verbo latino computare. Saíronlle as contas furadas, dicimos de alguén cando os seus cálculos, as súas expectativas, resultaron fracasadas. E é porque moitas veces non se teñen en conta detalles moi importantes : Non se poden botar as contas sen a taberneira, advirte o consello tradicional. E ter conta é equivalente a ‘ter coidado´(Ten conta do leite mentres eu baixo).
Volvendo ao conto (ao conto popular) imos entender a expresión irónica Fuxe, laxe que te esfarelo ou Fuxe, laxe, que te fendo ! lendo unha versión breve de As vodas do ceo:
“Ía unha vez unha raposa polo monte e viu voar unha aguia moi alta.
-Ai! - berroulle - Onde vas?
-Vou ás vodas do ceo - respondeulle a aguia.
-E logo, hai vodas hoxe?
- Hai, e moi boas, por certo.
-Pois eu quería ir. Como faremos ?
-Eu te levarei.
Entón a aguia pousouse no chan, a raposa subíulle ás costas e botaron a voar.
Ao iren xa moi altos, a aguia fixo un recorte e chimpou a raposa embaixo. E a raposa, ao ver que ía caír enriba dun penedo, púxose a berrar:
Fuxe laxe que te esfarelo,
que se saio desta
non torno ás vodas do ceo! “.
E despidámonos con este remate tradicional ao contar contosl:
Conto contado, burro aparellado; agora ti tíralle polo rabo!