‘Cantareira’, Palabra do Ano 2024

Pandeireteiras das Encrobas en Elviña. Rosa, primeira pola esquerda, e María Pardo no centro
 Cantareira impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras.

A Palabra do Ano 2024 soa a poesía e música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva, a lingua propia. Cantareira impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, "nunha chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro cando está a piques de comezar un novo período de doce meses no Galicia enteira lles ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país".

A palabra cantareira(s) designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que aAcademia Galega dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas. O anuncio o pasado mes de xullo desta decisión acadou repercusión social, "seguramente sen precedentes, que amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo, no que poesía e música son dúas partes indisolubles".

Mais a acollida desta elección tamén apela ás novas xeracións de intérpretes e creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego, e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea e vivificadora de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencia cultural, que ten como cerna a lingua galega.

A celebración do vindeiro 17 de maio personificarase nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e en tres das cinco Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, por seren as que faleceron hai máis dunha década.

As tocadoras de Cerceda e Malpica foron parte das 600 persoas informantes do Cancioneiro popular galego publicado nos anos 80 do século pasado pola musicóloga Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico Antón Santamarina, que recolle dende cantos de labor, de Nadal e Reis ou arrolos ata parrafeos, regueifas e romances, todos eles vivos aínda na memoria de mulleres e homes que medraran nunha sociedade tradicional.

A investigadora suíza chegou á Galiza en 1978 á procura de melodías arcaicas. O que atopou abraiouna de tal maneira que ficou até 1986 gravando cantos en aldeas de oitenta e oito concellos, para o que contou co apoio económico fundamental dunha bolsa de Fundación Barrié, entidade que se ocupou ademais da edición da obra.

Na primeira acepción do dicionario da RAG, cantareiro, -a define a persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos cantadeiro, -a, cantador, -a e cantaruxeiro, -a. Como adxectivo, esta voz ten unha segunda acepción similar, “que emite un son agradable e melodioso”, pero a Palabra do Ano 2024 refírese á forma substantivada cantareira, que se aplica á muller que canta cantigas populares. O termo créase en todos os casos sobre o verbo cantar, que procede do equivalente latino cantare.

Cantareira, con 25% dos votos, foi a palabra que obtivo máis apoios das persoas participantes nunha elección na que o público se decantou maioritariamente polas opcións patrimoniais. A segunda opción máis elixida foi meu, miña, outra proposta que remite á oralidade e que apareceu entre as finalistas como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (irmán).

Este posesivo, no seu uso en vocativos ou exclamacións, acadou arredor do 23 % dos votos, cunha lixeira vantaxe sobre fala, que figurou entre as finalistas na segunda opción que recolle o Dicionario, “lingua natural propia dunha comunidade humana”. Cun resultado moi próximo obtivo a cuarta posición aparvar(se), vocábulo tradicional para se referir á preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais. En quinto e sexto lugar quedaron DINA, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos, e o sintagma nominal emerxencia climática, respectivamente.