O BNG de Ribadeo denuncia o uso do castelán en campañas do Concello en plena semana das Letras Galegas

Campaña promovida polo Concello de Ribadeo. (Foto: Nós Diario)
"Hai quen desde o Goberno municipal aposta decididamente pola retirada do uso do galego incumprindo así a ordenanza municipal que regula o mesmo", incide o BNG.

O Goberno municipal de Ribadeo (A Mariña), gobernado polo PP, empregou o castelán, en plena semana das Letras Galegas, como lingua vehicular para unha campaña de sensibilización sobre o emprego das pantallas e das novas tecnoloxías. Segundo denuncia o BNG, non se trata do primeiro incumprimento da Ordenanza municipal sobre o uso do galego.

Nesta ocasión, denuncia o grupo nacionalista, o Concello "deseñou unha campaña desde a Concellaría de Benestar Social, Saúde e Familia sobre diversos perigos que poden afectar á mocidade (sobre os riscos do uso indebido das redes, videoxogos...), totalmente en castelán".

"É moita ousadía que ao longo desta semana, ao longo das últimas semanas, desde hai xa un tempo, hai quen desde o Goberno municipal aposta decididamente pola retirada do uso do galego incumprindo así a ordenanza municipal que regula o mesmo", incide o BNG.

"Xa o ano pasado puidemos comprobar que comezaba a aparecer sinaléctica en castelán. Xa na semana pasada volvemos atoparnos con máis sinaléctica en castelán. En actos institucionais, nos que se representa ao Concello, úsase sen miramento ningún o español obviando que cando unha persoa ostenta un cargo de responsabilidade débese á institución á que representa, e non está alí a título persoal", engade a formación nacionalista.

"Chove sobre mollado", resolven desde a formación. "Cada vez máis, semella que ‘Galicia Bilingüe’, agora xa descaradamente ‘Habla español’, está a tomar o pazo do marqués de Sargadelos", denuncia o BNG a respecto dos incumprimentos "reiterados" da ordenanza.

"De que serve tomar posesión ao compás da marcha do Antigo Reino de Galiza se despois promoves e consentes atropelos coma este?", pregúntanse desde a formación. Daniel Vega, o alcalde, segundo alerta o grupo nacionalista, "desenténdese completamente da promoción e uso do idioma galego".

"Poderá pronunciar os discursos que queira con motivo das celebracións institucionais das Letras Galegas. Mais a súa credibilidade, a do seu Goberno, está polo chan por actitudes como estas que agora denunciamos", acrecenta.

"Queiman os remanentes, non son quen de rematar as obras a tempo. Dálles por cortar árbores caprichosamente e de modo masivo... E agora empréndena coa lingua galega. Non son dignos do seu cargo. Ribadeo merece máis", conclúe o BNG de Ribadeo nun comunicado remitido aos medios de comunicación.