Palabras con memoria: auga refrescando a lingua
barretar.- Salpicar facendo que se lixe a roupa ou a cara.
Exemplo.- “O neno non quería comer, cuspiu a papa e barretoume todo.” “Non sabe aínda comer coa culler e barrétase todo.”
Lugar de escoita.- Porqueira (Ourense).
Fonte.- Antón Méndez Gándara.
chusmiar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Zumegar, remanecer auga ou outro líquido.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- ENDL Navia de Suarna.
chuvidizas.- Pingueiras que adoitan producirse na cociña por mor da humidade que disolve as adherencias provocadas no teito polo fume da lareira.
Exemplo.- “Saca de aí a tarteira do leite que lle van caer chuvidizas.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con seseo.
cirriscar.- Lanzarlle auga ou outro líquido a alguén dende un cano ou chafariz, obstruíndo en parte coa man a saída do líquido para obter maior presión e poder dirixir aquel no sentido desexado. Botarlle a alguén pingas de auga lanzándoas coa man, pechada…
Lugar de escoita.- Lugo.
Fonte.- Henrique Harguindey.
golfaradas (a).- Chorro de auga ou doutro líquido que sae con forza, a cachón.
Exemplo.- "Cortouse coa brosa e botaba sangue a golfaradas."
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- 4º da ESO Navia/ENDL Navia de Suarna.
xirimicar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Salpicar algo.
Exemplo.- “A ese xirimicoulle a auga.”
Lugar de escoita.- Lira (Carnota).
Fonte.- Carlos Manuel.